O edificio Miralles da UVigo foi o escenario para a presentación da posta en marcha do Laboratorio Transfronteirizo de Biotecnoloxía Mariña, un proxecto en rede que busca a excelencia neste campo grazas á colaboración entre institucións e organismos galegos e portugueses. Esta iniciativa, denominada BlueBioLab e liderada polo Campus do Mar, nace como unha posta en común das infraestruturas existentes en Galicia e o norte de Portugal. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o director do Campus do Mar, Daniel Rey e o reitor da Universidade, Manuel Reigosa, foron os encargados de presentar esta proposta. O proxecto conta cun orzamento de 1,1 millóns de euros e ten como liñas de investigación prioritarias a acuicultura e a biotecnoloxía, o desenvolvemento de novos compostos bioactivos e biomateriais de orixe mariño e a utilización de tecnoloxías ómicas para a comprensión da biodiversidade mariña.
Como explicaba o reitor no acto de presentación, BlueBioLab é un laboratorio en rede que incorpora os recursos humanos e materiais de institución de ambos lados da “raia” (Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental; Instituto Español de Oceanografía; Universidade de Minho; Consello Superior de Investigacións Científicas; Universidade da Coruña e Universidade de Santiago de Compostela), coordinados pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar. “O que pretendemos con esta iniciativa”, puntualizaba Reigosa, “é potenciar a investigación e a innovación aproveitando as capacidades e infraestruturas que xa temos a un lado e ao outro da fronteira, porque todos xuntos temos moita máis forza da que tempos por separado”. Engadiu o reitor que esta cooperación é para a Universidade de Vigo unha “liña estratéxica”, unha cooperación tamén “moi beneficiosa para a sociedade”.
O vicepresidente autonómico puxo en valor a ampla experiencia das entidades de Galicia e o norte de Portugal en proxectos transfronteirizos, “80 neste período económico e que supuxeron uns 130 millóns de euros mobilizados”. Remarcou que a consecución destes proxectos transnacionais débese á existencia de “moi boas universidades a ambos lados da fronteira e moi bos laboratorios, así como empresas relacionadas co I+D que se involucran tamén nestes proxectos”.
Neste senso, recordou que actualmente estase no tramo final da negociación do novo período económico da UE que arrincará en 2021. “Ábrense neste contexto novas oportunidades de financiamento e nós temos ferramentas moi potentes para aproveitalo, e o feito de estar en fronteira supón unha vantaxe engadida”, remarcaba Rueda.
Fonte: Faro de Vigo