Innovadoras células de silicio captan a enerxía infravermella do Sol

Un equipo de investigadores liderado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) creou unha célula fotovoltaica de silicio capaz de transformar en electricidade a radiación infravermella. O traballo aparece publicado esta semana na revista ‘Nature Communications’.

O Sol é unha fonte inesgotable de enerxía que podería solucionar moitos dos problemas enerxéticos actuais. O dispositivo capaz de realizar a conversión de luz solar en electricidade é a célula fotovoltaica, comunmente coñecida como célula solar.

Non obstante, existen diversos obstáculos que impiden unha maior xeneralización do seu uso, entre eles un custo relativamente alto (da orde de 20 céntimos de euro por vatio producido) e unha eficiencia baixa, por debaixo do 17%. É dicir, de cada vatio que se recibe do Sol, só se aproveita unha pequena parte: os 0,17 vatios que corresponden ao espectro visible.

O motivo da baixa eficiencia das células fotovoltaicas convencionais reside en que os materiais básicos para a súa fabricación, como o silicio, só poden absorber e aproveitar unha pequena parte do espectro solar. O resto da radiación solar, que corresponde á zona infravermella, non é aproveitado e pérdese.

“Despois de tres anos de traballo, o noso equipo de investigación desenvolveu un novo concepto de célula solar de silicio capaz tamén de captar e transformar en electricidade a radiación infravermella do Sol”, explicou o investigador do CSIC Francisco Meseguer.

Neste sentido o coautor, Moises Garin, engadiu que “o que se fixo foi crear células fotovoltaicas sobre microcavidades esféricas de silicio onde a luz infravermella queda atrapada e dá voltas no seu interior ata que é transformada en electricidade”.

Este traballo, no que tamén participaron outros grupos do CSIC, a Universitat Politecnica de Valencia, a Universitat Politecnica de Catalunya e a Universidade Rovira i Virgili de Tarragona, supón un novo enfoque científico para poder desenvolver no futuro células fotovoltaicas de alto rendemento, segundo sinalaron os expertos.

(Fonte: Europa Press)