Innovadora ferramenta para medir o impacto social da I+D+i

Tecnalia e APTES desenvolveron unha novidosa ferramenta que avalía o impacto social que teñen os proxectos de I+D+i en calquera empresa ou entidade.

Nos procesos de deseño dun novo produto ou servizo é habitual establecer sistemas de avaliación económicos e ambientais, pero rara vez se mide o impacto social que terá o novo proxecto, polo menos dunha forma sistemática. Tecnalia e APTES desenvolveron unha ferramenta dirixida a avaliar esta perspectiva, facendo posible a empresas e organizacións ver en que aspectos o seu proxecto de I+D+i xera un beneficio social e en que outros podería mellorar.

A ferramenta, dispoñible dende a web de Tecnalia para realizar autoavaliacións, baséase no Modelo dos 6 Capitais, o Económico, o Coñecemento, o Benestar, o Cultural, o Relacional e o Ecolóxico. No capital Coñecemento, por exemplo, valórase a realización de xornadas didácticas onde esperte o interese pola ciencia e a tecnoloxía. No capital Benestar, puntúanse os produtos que garantan a calidade de vida das persoas, mentres que no capital Cultural, aquelas organizacións que respectan os costumes e características locais dos seus usuarios, entre outros criterios.

Esta metodoloxía púxose en práctica durante 6 meses con 13 organizacións, dentro do proxecto Rede de impacto social e valor compartido en Gipuzkoa, e a finais de xuño presentáronse as conclusións da experiencia. “Vimos que hai moitísimo interese dende as empresas” explica Adriana Martínez, responsable do proxecto dende APTES, “porque hai unha sensibilidade, e tamén porque dende Europa é previsible que se teña en conta no financiamento de proxectos”. Se ben a maioría de organizacións contemplaban este aspecto, a ferramenta serviulles para realizar o proceso de forma máis ordenada e sistemática.

“O proxecto tiña varios obxectivos, contribuír a difundir o concepto de impacto social nos proxectos de I+D+i, e probar a ferramenta”, explica Adriana Martínez. Agora os seguintes pasos consisten en perfeccionar a ferramenta e ver como os resultados positivos se poden poñer en valor, tanto dende as administracións públicas como nas decisións de compra dos consumidores.

(Fonte: Innova Euskadi)