A Xunta de Galicia porá en marcha no mes de xuño un innovador sistema tecnolóxico de videovixilancia contra o furtivismo e a vixilancia costeira. O proxecto ‘Videoguard’, como foi denominado este sistema, permitirá detectar embarcacións en zonas de porto e rías, así como persoas en zonas de praia, rochas e bateas, tanto en horario diúrno como nocturno.
A plataforma de ‘Videoguard’ está deseñada para ser utilizada tanto en distancias curtas, con estacións de videovixilancia situadas a menos de 500 metros das embarcacións ou persoas a monitorizar, como a longa distancia, podendo controlar espazos situados entre 5 e 10 quilómetros do litoral.
En ambos os dous casos o sistema grava as imaxes da zona vixiada, analiza a información procedente das gravacións e, ante a detección dunha posible infracción, emite unha alarma ao centro de control e aos dispositivos móbiles definidos en tempo real. Ademais, o sistema almacena a información permitindo a consulta e recuperación das imaxes gravadas.
Detección intelixente
O xerente de Retegal, José Ángel Albeal, explicou que “non se trata dun sistema tradicional no que unha persoa está a vixiar nunha pantalla o que gravan as cámaras”. ‘Videoguard’ conta cun software que lle permite recoñecer embarcacións en movemento ou estáticas fóra das horas ou do calendario autorizado así como detectar persoas en lugares non permitidos. “E faino durante 24 horas os 365 días do ano”, engadiu Albeal.
Cando o sistema detecta unha situación de posible infracción Videoguard emite unha alarma e avisa por correo electrónico ou por SMS os dispositivos que se lle indicase. Ademais, o sistema almacena toda a información recollida co que posibilita a consulta e recuperación das imaxes gravadas.
Para a conselleira de Mar, Rosa Quintana, ‘Videoguard’ pode converterse nunha “ferramenta moi útil e complementaria dos actuais sistemas de vixilancia” na loita contra o furtivismo que leva a cabo o seu departamento.
“Se somos capaces de detectar en tempo real o lugar concreto no que se pode estar a cometer unha infracción e avisamos ao servizo de vixilancia, loxicamente, seremos moito máis eficaces que se nos dedicamos só a navegar ao chou pola ría”, engadiu Quintana.
O proxecto ‘Videoguard’ é un programa piloto que se implantará a partir do mes de xuño en dúas zonas do litoral galego que polo momento non se quixeron desvelar. “Para non entorpecer o seu desenvolvemento e para non dar pistas”, sinalou a conselleira.
O sistema estará operativo nesas dúas situacións ata final de 2014. En función dos resultados que se obteñan a Xunta “valorará a viabilidade” de implantalo no resto do litoral galego.
Un investimento de 1,8 millóns
O programa ‘Videoguard’ conta cun investimento de 1,8 millóns de euros. Deles, un millón foi financiado con fondos Feder a través da Consellería de Economía e Industria e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial.
O resto foi achegado polo consorcio de empresas que participan no proxecto, integrado por Coremain, o operador público de telecomunicacións Retegal, Bastet Ingeniería, TRC e o Centro Tecnolóxico Gradiant.
O proxecto Videoguard “garante escrupulosamente o respecto á privacidade requirida pola Lei orgánica de protección de datos na monitorización e procesado de vídeo en espazos públicos”, segundo sinalou o xerente de Retegal. Para iso emprega técnicas de ocultación selectiva daqueles patróns visuais que puidesen permitir a identificación de persoas e embarcacións nas gravacións, como son as imaxes térmicas.
Deste modo, o persoal de vixilancia poderá constatar que unha persoa ou embarcación está a cometer unha infracción pero non poderá recoñecela de forma inmediata.
Esta ocultación, non obstante, será reversible, podendo recuperarse a imaxe orixinal por parte de persoal autorizado cando sexa necesaria a identificación, ou ben a achega da gravación como evidencia en caso de denuncia.
(Fonte: Innovaticias)