Innovador sistema de pinturas para avións máis ecolóxico

Desenvolver un novo sistema de pinturas para avións máis ecolóxico baseado nunha técnica experimental utilizada en Ciencia de Materiais. Ese é o obxectivo do proxecto europeo de investigación GreenGELAIR que arrancou recentemente e no que participan científicos da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M).

Os investigadores están a deseñar unha nova formulación e un novo sistema de aplicación para recubrimentos de pintura para o sector aeronáutico baseados na tecnoloxía sol-gel. O seu principal obxectivo é atopar unha alternativa máis ecolóxica no proceso de pintado de avións. En concreto, pretenden conseguir un novo e competitivo produto sol-gel e desenvolver un sistema versátil para a súa aplicación, tanto en operacións de mantemento coma na fabricación das pezas orixinais das aeronaves.

O proxecto GreenGELAIR trata de resolver un problema que actualmente presentan as pinturas utilizadas en diversas industrias. Estas pinturas conteñen cromo hexavalente e, segundo as regulacións ambientais (REACH), deben substituírse por outras na maioría dos sectores, particularmente no aeronáutico.

Neste sentido, a tecnoloxía sol-gel defínese como unha das alternativas limpas aos recubrimentos compostos por cromo, segundo os investigadores. “O sistema sol-gel proposto será versátil e competitivo -adiantan-, minimizando as operacións de mantemento, custos e eliminando os problemas ambientais dos sistemas actuais”. Os resultados do proxecto, apuntan, poderán ser aplicados noutros sectores, ademais do aeronáutico, con procesos de tratamento de superficies similares.

Coa tecnoloxía sol-gel, a partir de moléculas compostas de osíxeno, silicio, hidróxeno e carbono prodúcense determinadas reaccións químicas que levan á formación dunha rede polimérica capaz de albergar inhibidores da corrosión ecoloxicamente aceptables. “Cunha aplicación axeitada, forman recubrimentos homoxéneos e continuos que constitúen barreiras satisfactorias fronte á corrosión en condicións extremas”, sinalan. Esta tecnoloxía, ademais, leva consigo outras vantaxes, como a utilización de disolventes non tóxicos e a oportunidade de traballar a temperatura ambiente.

En busca dun ceo limpo

A duración prevista do proxecto, que arrancou o pasado mes de outubro, é de dous anos. Nese prazo, os científicos realizarán a formulación e o estudo cinético do produto, deseñarán e construirán o dispositivo de aplicación e probarán a súa eficacia en pezas complexas. Co obxecto de validar o produto levaranse a cabo distintos ensaios de propiedades de adherencia e protección contra a corrosión dos sistemas sol-gel en distintos escenarios: grandes superficies, pequenos retoques, pezas complexas e remaches da fuselaxe, principalmente.

Os investigadores do Grupo de Tecnoloxía de Pos da UC3M que interveñen nesta iniciativa vanse encargar do “deseño e preparación no laboratorio destes novos recubrimentos para analizar o seu comportamento fronte á corrosión”, explica a profesora Antonia Jiménez Morales, do Departamento de Ciencia e Enxeñería dos Materiais da UC3M.

O proxecto GreenGELAIR foi aprobado na primeira das convocatorias para o ano 2013 de CleanSky, dentro do 7º Programa Marco. Esta Iniciativa Tecnolóxica Conxunta é un proxecto de investigación financiado pola Comisión Europea e a industria aeronáutica do continente para crear un espazo aéreo sustentable e reducir o impacto ambiental da aviación.

(Fonte: Innovaticias)