n
n
Para o desenvolvemento deste produto, os investigadores analizaron multitude de materiais combinados entre si, por exemplo: elementos adhesivos (resinas de metacrilato e epoxi) que garanten unha correcta unión entre materiais na propia mestura, e sobre a superficie de rodadura existente; fundentes que eviten a xeada; cemento; vidro reciclado e diferentes tipos de áridos que conforman o corpo das dosificacións e xeran a textura do novo produto.
“Avaliamos todas as combinacións resultantes analizando parámetros como a súa adherencia a tracción, resistencia ao deslizamento, estabilidade ou custo, entre outros, e sometémolas a diferentes ensaios de durabilidade”, sinala Julia Real, investigadora do Instituto do Transporte e Territorio da Universidade Politécnica de Valencia.
O produto final é un composto metacrílico ou epoxi que incorpora minerais de alto coeficiente de pulido acelerado, como bauxita. Ademais, inclúe tamén materiais reciclados, como o vidro.
Avaliación
Sobre a súa capacidade de adherencia, Julia Real explica que a normativa actual esixe que tras verse sometido a pulido, o coeficiente de rozamento transversal obtido con péndulo de fricción debe ser maior que 44. “Con estes produtos, obtéñense coeficientes aproximados que roldan entre 60 e 80, co que, a adherencia obtida é da orde de 1.5 ou 2 veces a esixida por normativa”, destaca a investigadora da UPV.
Tras as probas desenvolvidas nos laboratorios da empresa Marcas Viales, o novo produto está sendo avaliado de forma experimental nun dos accesos á zona urbana da localidade alacantina de Sant Vicent del Raspeig.
O proxecto foi financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) do Ministerio de Economía e Competitividade.
(Fonte: CDTI)