BQ explica que o obxectivo do proxecto é proporcionar aos agricultores solucións accesibles que lles permitan coñecer de forma sistemática os factores que poden minguar unha colleita, como a chuvia, o vento, unha baixada repentina de temperatura ou un fallo na maquinaria.
O proxecto conta xa con varias solucións en marcha, nas que os enxeñeiros de BQ se encargaron da parte técnica e un grupo piloto de agricultores de Castela-A Mancha achegou o seu coñecemento sobre cultivos e procesos. En concreto, probáronse en máis de 640 hectáreas e, segundo a súa análise, a produtividade dos seus cultivos mellorou un 10%.
O director xeral adxunto de BQ, Rodrigo del Prado, subliñou que o proxecto Gaia “pon a tecnoloxía a disposición dun sector que se enfronta a moitos retos. O enfoque open source permítenos poñer solucións a moitos destes problemas cun custo menor e, ademais, facelo traballando estreitamente cos usuarios que utilizarán as ferramentas”, remarcou.
Entre as diferentes solucións creadas, unha das máis importantes é a de control de sistemas de rego rotatorio con pivots, cuxo uso está moi estendido pola súa efectividade, pero ten algúns inconvenientes, como o feito de que ao operar durante a noite, se un deles falla, o agricultor non poderá decatarse ata o día seguinte.
“Como consecuencia, o pivot pode sufrir avarías de custosa reparación, as perdas de auga e enerxía poden ser elevadas e a colleita podería resultar danada. Por iso, previr ou detectar rapidamente as avarías é vital”, resalta BQ.
Para evitalo, a solución consiste en instalar sensores de presión, movemento e temperatura nos pivots para medir a súa actividade, uns datos que logo son procesados, almacenados na nube e postos a disposición dos agricultores a través dunha aplicación móbil, que lles permite facer seguimento en tempo real e reaccionar a tempo ante as avarías.
Cultivo de champiñóns
Outra das solucións do proxecto Gaia é unha plataforma para o cultivo industrial de champiñóns, que está en declive en España principalmente pola dificultade de recrear en ambientes industriais as condicións que estes fungos necesitan para crecer, así como polo custo das instalacións e o consumo enerxético das máquinas de climatización.
Neste caso, a solución de BQ recolle as variables do ámbito atmosférico a través de sensores situados na nave e envíaas á nube. Desta forma, recóllense os patróns das condicións máis propicias de humidade, cantidade de CO2 emitido ou temperatura para o crecemento destes fungos, datos que o software procesará para recrear os patróns axustando as condicións da nave a eses parámetros.
(Fonte: Europa Press)