n
A innovación permite obter imaxes en 3D de organismos vivos cunha maior rapidez e grao de precisión. A grandes trazos, a tomografía de proxección óptica helicoidal consiste en facer rotar unha mostra mentres se despraza verticalmente para obter así unha imaxe tridimensional dela, explican os seus creadores.
“Co noso deseño e o software que desenvolvemos, podemos crear un equipo que non exista comercialmente e que teña a vantaxe de evolucionar á vez que progresa o proxecto de investigación no que se emprega”, explica Jorge Ripoll, socio promotor de 4D-Nature e profesor do departamento de Bioenxeñería da UC3M.
De feito, ademais doutras técnicas como a imaxe cuantitativa in vivo e a microscopía tridimensional, a nova técnica de tomografía que desenvolveron, publicada recentemente na revista Optics Express, pódese integrar nas máquinas que fabrican de forma específica para os seus clientes.
Novos fármacos e sensores
Este tipo de técnicas son fundamentais para desenvolver novos fármacos e sensores, así como para realizar outro tipo de investigacións biomédicas aplicables a imaxe de diagnóstico na clínica, engaden os investigadores. Unha das claves para conseguir que se utilicen con éxito é que os programas que as controlan sexan intuitivos e amigables, é dicir, que non exista a necesidade dun coñecemento previo en técnicas de imaxe avanzada.
“O desenvolvemento, posta a punto e validación deste software necesitou da orde de oito anos ata chegar ao punto actual”, revela Ripoll, para quen un dos puntos clave neste contexto é o soporte técnico: “Un software que non dea problemas e sexa doado de usar está máis preto do éxito”.
Dende hai case dez anos, os investigadores e promotores de 4DNature, entre os que se atopan científicos como Alicia Arranz e César Nombela Arrieta, estiveron a desenvolver prototipos similares aos actuais sistemas e instalaron equipos deste tipo en distintos países, como Alemaña, España, Grecia, Israel ou Suíza.
“Isto permitiu o desenvolvemento en paralelo de software ‘user-friendly’ de control dos devanditos sistemas, que se puido poñer a proba e mellorar ata chegar ao punto actual,” di o profesor Ripoll, que recibiu unha bolsa de investigación europea Marie Curie Career Integration Grant para o desenvolvemento deste tipo de equipos de imaxe avanzada.
O Viveiro de Empresas do Parque Científico da UC3M apoiou na creación de 4DNature, a que acompañou nos seus primeiros pasos tras a súa exitosa participación no 6º Concurso de Ideas UC3M; preparou a súa presentación en foros de investidores e feiras do sector, facilitou o seu acceso a axudas públicas e fomentou o encontro con expertos.
“Como científicos que somos, estar aquí ofreceunos unha formación fundamental para poñer en marcha a empresa, guiándonos en certas eleccións difíciles, no marco legal e poñéndonos en contacto con profesionais altamente cualificados”, comenta Ripoll.
(Fonte: SINC)