O director xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria, Salustiano Mato, foi o encargado de abrir hoxe na Tecnópole o curso de creación de empresas destinado a emprendedores impulsado polo Parque Tecnolóxico de Galicia e impartido pola Escola de Negocios EOI, a primeira escola de dirección de empresas do Estado. Deste xeito, un total de 22 emprendedores procedentes de toda Galiza poderán acceder a partir de hoxe á formación e asesoramento personalizado on-line para elaborar o seu plan de negocio.
Salustiano Mato, que estivo acompañado polo director xerente da Tecnópole, Ricardo Capilla, destacou o carácter innovador presente nas ideas de negocio propostas polos participantes, ao tempo que lembrou que o programa será totalmente gratuíto para os participantes por estar cofinanciado pola UE a través do Fondo Social Europeo e polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
Durante 18 semanas, os emprendedores terán acceso a 280 horas lectivas on-line, baseadas en conceptos prácticos, e a outras 160 horas de titorías individuais. Esta é a primeira das accións contempladas no convenio asinado recentemente pola Tecnópole e a EOI en virtude do que o Parque Tecnolóxico de Galicia se converte no socio de referencia da escola de negocios en Galiza.
Ideas de base tecnolóxica
A maior parte das ideas presentadas son de base tecnolóxica. O sector no que operarán as empresas que resulten do programa será principalmente o das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC), estratéxico en Galiza, aínda que tamén hai varias ideas referidas a enxeñerías e enerxías renovables.
As innovacións que reflicten os proxectos afectan a produtos pero tamén a procesos, sobre todo no que se refire á apertura de novas canles de venda e de distribución.
Os emprendedores que participarán no programa proceden maioritariamente das provincias de Ourense (13) e da Coruña (8), aínda que tamén hai un proxecto orixinario de Vigo.
O elemento diferencial deste programa con respecto a outros é que o apoio non remata cando o emprendedor culmina o plan de negocio, senón que se mantén un seguimento continuo para apoiar tanto a posta en marcha como a consolidación da empresa.
Os contidos da formación comprenden a xestión práctica de Pemes nos seguintes ámbitos: política de empresa, márketing e comercialización, loxística e operacións, finanzas, recursos humanos, fiscalidade e calidade. A continuación abordarase o desenvolvemento do proxecto empresarial cunha titorización activa e individualizada que acompañará ao emprendedor ao longo dun ano enteiro para reducir ao mínimo o risco de fracaso na aventura empresarial.