InnovAcciones 360º, a sociedade deseña a innovación

O proxecto InnovAcciones 360°, centrado no sector do envase alimentario, celebrou hai uns días a súa primeira sesión. O seu obxectivo é que sexa a propia experiencia dos usuarios a que guíe o proceso de innovación científica, nun intento por achegar a ciencia á sociedade.

n
n

Para iso, InnovAcciones 360° conta coa participación dun panel de consumidores composto por dez cidadáns voluntarios que, xunto a cinco investigadores expertos e seis profesionais do sector, participan neste encontro para analizar os problemas asociados a esta industria e propoñer posibles solucións.

A investigadora do CSIC no Instituto de Ciencia e Tecnoloxía de Polímeros Patricia Thomas, que coordina o proxecto, explica: “O punto de partida do encontro serán as propias necesidades do consumidor en canto ao seu envase ideal”. Deste modo,será a súa experiencia previa a que guíe o proceso innovador. Thomas indica que “as posibles solucións xurdirán das ideas que se acheguen ao longo da xornada como resposta ás necesidades formuladas”.

Os dez voluntarios foron seleccionados de entre 197 participantes. Todos eles responderon a unha enquisa relacionada coa súa frecuencia no uso de envases de plástico e a súa relación co sector, entre outras. Segundo Thomas, “os resultados deste informe indican que entre as principais preocupacións dos cidadáns que participaron na enquisa se atopan o volume que ocupan os envases durante o seu almacenamento así como a súa reciclaxe e biodegradabilidade”.

Outras preocupacións expresadas na enquisa están relacionadas con aspectos como a reutilización, os sistemas de peche e a mestura de distintos tipos de materiais.

Os científicos darán o seguinte paso

As necesidades e experiencias formuladas por expertos e consumidores serán debatidas en futuros encontros ao longo do ano. Nas sesións vindeiras serán os científicos e profesionais os que buscarán plasmar as necesidades detectadas nun posible proxecto de I+D.

Os devanditos expertos proceden de organismos de investigación como o CSIC, e seis PEMEs do sector: Pohüer S.L., Caiba, Malvasia, SP Group, a Plataforma Tecnolóxica Española Food for Life Spain e Cicloplast. Este proxecto contou, ademais, co financiamento da FECYT.

(Fonte: Innovaticias)