A empresa Ingeo, situada en Tecnópole, promove un curso de iniciación ao mergullo autónomo recreativo, que se celebrará do 28 de xuño ao 3 de xullo, con condicións especiais para as empresas do Parque. Consta de parte teórica, práctica e exame final. A parte teórica centrarase na física e fisioloxía do mergullo, a vida acuática, o equipo de mergullo, a contorna e a planificación de inmersións. A práctica divídese en dúas partes: augas confinadas e augas abertas. En augas confinadas aprenderanse diferentes habilidades, tanto en superficie como en profundidade, sempre nunha contorna controlada e tranquila, en particular na piscina BeOne As Lagoas do Campus Universitario de Ourense. No mar realizaranse catro sesións divididas en dúas inmersións: 3 sesións a unha profundidade máxima de 12 metros e outra a un máximo de 18 metros; serán nun veleiro nas augas das illas Cíes.
Ao finalizar o curso entregarase unha certificación Open Water Diver que permite o mergullo de forma autónoma en máis de 180 países de todo o mundo até unha profundidade máxima de 18 metros. Ademais, autoriza ao titulado a alugar equipos de mergullo e tanques de recarga. O prezo do curso é de 490 € por persoa, cun descuento do 4% para as empresas e traballadores do Parque Tecnolóxico de Galicia.
Como requisitos para realizar este curso pídese ter un mínimo de 14 anos de idade (até os 18 anos é necesaria unha autorización por parte dun titor) e pasar un recoñecemento médico que certifique ao interesado como apto para o mergullo recreativo.
O curso inclúe o manual e materiais de estudo, un logbook (diario de rexistro de inmersións), o equipo de mergullo e seguro de actividade individual durante todo o curso. Información e reservas: info@capitandiver.com.
Fonte: Tecnópole