Industria galega 4.0: por falta de profesionais que non sexa

Primeiro foi a máquina de vapor. Despois, a electricidade. No século XX chegou a automatización. Agora a fábrica fíxose intelixente. É a cuarta revolución industrial, que xa está en marcha en Galicia e avanza da man da grande empresa, convertida no gran pulmón tecnolóxico da comunidade galega.

A través de Inditex, Grupo PSA ou Navantia, a innovación flúe e esténdese polas súas redes de provedores. É así como o big data, a robotización, a impresión 3D, a realidade virtual, os drons, os vehículos autónomos ou a intelixencia artificial están a cambiar a forma de producir na grande empresa galega, pero tamén a forma de traballar.

O crecente interese das empresas por dixitalizar os seus procesos está a inducir moitos graduados a especializarse en tecnoloxías novas e complexas que lles permitan acceder logo a postos mellor remunerados.

En España, algunhas universidades tomaron nota e están a implementar másteres enfocados na cuarta revolución industrial. Algúns céntranse en temas específicos, como intelixencia artificial ou analítica de datos; outros abarcan todas as tecnoloxías.

O coñecemento aínda incipiente destas solucións evidénciase en que non todos os programas nacen na academia. Algúns son iniciativas privadas. É o caso do primeiro máster en Industria 4.0 que arrancará en Galicia o próximo mes de maio, impulsado pola consultora viguesa P&A, especializada na selección de persoal para cadros directivos; e Fom Talent, instituto valenciano de formación especializada de expertos para a cuarta revolución industrial.

“As empresas chámannos e pídennos formación para os traballadores, e cando detectamos unha necesidade específica poñemos en marcha novos proxectos formativos”, explica o responsable da área de selección de P&A, Diego Rese.

Profesionais para o futuro

Así é como xurdiu este máster en industria 4.0. “O sector do automóbil xa está incorporado aos métodos 4.0, pero hai ámbitos moi importantes na nosa economía, como o da alimentación, que necesitan profesionais especializados e só os están a atopar procedentes do sector da automoción”, afirma Rese.

“É o futuro polo que teñen que pasar todas as empresas de Galicia”, asegura. O máster está dirixido a xerentes, directivos, mandos intermedios de empresas industriais, responsables de dixitalización industrial, directores de fábrica, produción, operacións, enxeñería ou innovación.

Pablo Oliete, fundador de Fom Talent xustifica a necesidade deste tipo de formación: “Todo o mundo quere facer un MBA coa convicción de que así vai chegar a conselleiro delegado. Non obstante, o que as compañías necesitan hoxe é expertos en tecnoloxías emerxentes, e transformación dixital”, asegura.

Oliete leva tres anos organizando programas de industria conectada e asegura que os seus estudantes poden aspirar logo a postos de chief dixital officer (CDO), con salarios de entre 60.000 e máis de 100.000 euros ao ano dependendo da comunidade autónoma onde opere a súa empresa.

(Fonte: La Voz de Galicia)