Industria apoiará este ano con 45 millóns proxectos de innovación turística

O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo destinará este ano 45 millóns de euros para empréstitos que concederá dentro do programa Emprendetur I+D+i, composta polos programas Emprendetur I+D e o de Desenvolvemento de Produtos Innovadores.

Esta convocatoria de axudas dedicará 10 millóns de euros ao programa Emprendetur I+D, enfocado a apoiar e fortalecer a investigación e desenvolvemento aplicados a produtos do sector turístico, e 35 millóns, ao desenvolvemento de produtos innovadores en tecnoloxía e turismo.

Con esta convocatoria, o Executivo pretende estimular o sector, apoiar a investigación e desenvolvemento turístico e impulsar o desenvolvemento de produtos innovadores que melloren a súa competitividade e rendibilidade.

As axudas deste programa consisten en empréstitos reintegrables para realizar proxectos e modelos de negocios nunha serie de ámbitos, tales como a enerxía e a sustentabilidade, as tecnoloxías da información e da comunicación e da xestión empresarial.

Os importes dos empréstitos serán dun máximo do 75% do presuposto financiable da actuación. A cantidade financiada non poderá exceder dun millón de euros nin da cifra neta do patrimonio acreditado da empresa no momento da solicitude.

Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas ou xurídicas legalmente constituídas como empresas, ás que se esixirá a constitución de garantías por un 36% do importe do empréstito. Os empréstitos, que financiarán a realización de proxectos ou actuacións nun prazo máximo de execución de dous anos, teñen 5 anos de prazo de amortización, un período máximo de carencia de dous anos e un tipo de interese fixo do 0,698%.

(Fonte: Expansión)