Indra e Inaer serán os socios industriais da Xunta na Civil UAVs Initiative

A proposta conxunta de Indra e o operador de helicópteros Inaer resultou gañadora no proceso de selección de socio tecnolóxico e industrial para a Civil UAVs Initiative impulsada pola Xunta de Galicia. O obxectivo desta iniciativa de compra pública precomercial é desenvolver o primeiro polo industrial e tecnolóxico de desenvolvemento de aeronaves non tripuladas civís de España.

Ambos os dous socios achegarán 75 millóns de euros ao programa, aos que se sumarán 40 millóns achegados pola Xunta. O proxecto, que se estenderá ata 2020, levarase a cabo no Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) que a Xunta e o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) implantaron en Lugo.

A proposta presentada por Inaer e Indra combina a experiencia do operador de helicópteros en misións civís de emerxencias, especialmente en extinción de incendios, coa capacidade de Indra para desenvolver sistemas completos de UAVs. Neste sentido, Indra levou a cabo proxectos que cobren dende a subministración de plataformas aéreas ata o desenvolvemento dos sensores aeroportados, sistemas de comunicacións e sistemas de misión que integran un sistema non tripulado.

A oferta presentada por ambas as dúas compañías alíñase cos obxectivos da Xunta, que busca poñer en marcha un proxecto intensivo en I+D e con valor engadido, orientado á súa vez á mellora dos servizos públicos. Algúns destes servizos son a propia extinción de incendios, a vixilancia costeira, ou a detección de caladoiros de pesca ou de verteduras no mar. Todas estas actividades atópanse ademais entre as primeiras aplicacións civís que poderán asumir este tipo de aeronaves, dado o baixo risco para a seguridade aérea e os seus potenciais beneficios.

A complementariedade de capacidades de Indra e Inaer foi unha importante vantaxe para facerse co proxecto na última fase do concurso, na que competiron cos principais fabricantes de aeronaves do mundo.

Experiencia

Inaer leva máis de 8 anos traballando en actividades de I+D vinculadas aos UAVs e dende 2013 desenvolve en Galicia un helicóptero non tripulado de 150 kg de peso denominado LUMES. Este aparato aspira a ser o primeiro helicóptero non tripulado destas características que comece a operar en Europa en misións de loita contra incendios forestais e a súa entrada en servizo está prevista a curto prazo, en só dous anos

Pola súa banda, Indra converterá Rozas no centro principal da súa actividade en UAVs e construirá un avanzado Centro Tecnolóxico de UAVs na zona. A tecnolóxica trasladará gran parte das actividades que está a desenvolver no ámbito dos sistemas UAVs a Galicia.

Indra levará a cabo nesta comunidade a evolución do Sistema Aéreo de Vixilancia MRI para convertelo no sistema non tripulado TARGUS (OPV – Optional Piloted Vehicle), que será ademais a primeira aeronave deste tipo desenvolvida en España. Por outro lado, Indra desenvolverá un novidoso vehículo de á rotatoria de alta capacidade de carga e un Centro de Misión e Proceso de Datos -elemento que recompila e trata os datos xerados polos sensores dos UAVs, xestiona misións e realiza o control remoto dos dispositivos-.

Ambas as dúas compañías actuarán como empresas tractoras para apoiar a transformación do tecido industrial existente en áreas de grande importancia en Galicia, como o da automoción ou naval. Con iso, a Xunta busca contar con socios industriais que permitan diversificar a actividade destas empresas locais e apoialas para que poidan especializarse nunha actividade que ofrece un alto potencial de crecemento nos próximos anos.

Indra ten unha importante presenza en Galicia, onde conta cuns 500 profesionais e centros en Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. A súa presenza na comunidade vese agora reforzada con este novo proxecto.

(Fonte: Europa Press)