Impulso económico a 58 proxectos para a promoción do sector agroalimentario

A Consellería de Medio Rural aprobou a concesión das axudas da Xunta para a promoción dos produtos alimentarios de calidade. En total, beneficiaranse uns 58 proxectos e 21 entidades. “Sen o sector agroalimentario Galicia debería cambiar de nome, o rural vai no noso ADN, cultura e forma de ser, independentemente de que nos dediquemos ou non ao sector agrario”, asegura o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez Vázquez.

Estas axudas atópanse ao amparo da resolución do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras dos fondos para o apoio a actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e convócanse para o exercicio orzamentario 2020.

Para o director de Agacal, a promoción é unha ferramenta fundamental, “dado que estamos nunha esquina de Europa e que os nosos produtos teñen unha gran calidade diferencial, polo que é importante poder competir nun mundo moi globalizado onde o consumidor pode elixir entre unha ampla gama de servizos”. Respecto daqueles produtos que xa gozan de prestixio a nivel internacional, destacou que, “obxectivamente, os máis valorados son aqueles que teñen maior nivel de exportación”.

Produción ecolóxica

Os beneficiarios destas axudas son, maioritariamente, os consellos reguladores, pero tamén as asociacións de produtores sen ánimo de lucro que poñan en marcha un programa de promoción de produtos amparados por denominacións de orixe, indicacións xeográficas ou polo indicativo da produción ecolóxica. De feito, “tamén van fondos para o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), e asociacións de produtores”, tal e como afirmou o director de Agacal.

“O crecemento da agricultura ecolóxica en Galicia foi sorprendente nos últimos tempos, con aumentos de dous díxitos ano tras ano, e hoxe converteuse no terceiro selo de calidade galego por facturación, ameazando moi seriamente ao número dous e ao número uno polo seu posicionamento sobre todos os demais”, explica Manuel Rodríguez, que incide en que “o número de operadores, hectáreas e produción deste tipo de agricultura tamén experimentou crecementos espectaculares ano tras ano en Galicia, afortunadamente”.

Beneficiarios e investimento

En total, as axudas da Xunta benefician a 58 proxectos de 21 entidades, cunha subvención total superior aos 3,1 millóns de euros para este ano. Esta liña de axudas, xestionada a través da propia Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), xunto co bo facer dos produtores e dos Consello Regulador, impulsou o extraordinario desenvolvemento do sector agroalimentario galego de produtos con indicativo de calidade, que en apenas 12 anos conseguiu duplicar a facturación ata case alcanzar os 500 millóns de euros.

Esta cifra conseguiuse, sobre todo, grazas aos importantes volumes que achega o sector vitivinícola, o da carne de vacún e os queixos, así como a achega das producións ecolóxicas, cunha dinámica de crecemento moi favorable nos últimos anos.

As accións que se subvencionan comprenden un amplo abano, que vai desde a organización de xornadas informativas, elaboración de material promocional (como vídeos, folletos ou agasallos), realización de misións comerciais, degustacións e catas comentadas, asistencia a feiras ou á súa organización e, sobre todo, publicidade en medios de comunicación e redes sociais. “Estas axudas préstanse para moi diversos fins, pero o obxectivo sempre é potenciar o sector agroalimentario galego”, asegura Manuel Rodríguez.

Fonte: El Correo Gallego