Impacto e potencial da impresión 3D no emprego

A tecnoloxía de impresión 3D podería impactar en 420 perfís profesionais do mercado de traballo actual e contribuír á creación de novos empregos nos próximos dez anos, segundo constata no informe ‘Impacto e potencial da impresión 3D no emprego’ elaborado por Barcelona Activa.

O estudo foi publicado no marco da celebración en Barcelona da primeira edición do encontro de ámbito internacional In(3D)ustry, organizado por Fira de Barcelona en colaboración co Concello de Barcelona e a Generalitat.

Asegura que a impresión 3D é unha realidade crecente en todo o mundo que nos próximos anos transformará a industria e, de forma transversal, o resto de sectores económicos e o mercado laboral, xa que é unha tecnoloxía innovadora que permitirá ás empresas aumentar a súa competitividade mediante a redución de tempo e custos.

Neste momento gran parte das oportunidades laborais están relacionadas con actividades de apoio como a educación e a divulgación e de creación da tecnoloxía e desenvolvemento de máquinas e materiais, pero de cara aos próximos anos espérase que a fabricación dixital levará consigo a transformación dunha gran parte dos perfís existentes e creará outros novos.

Sectores en crecemento

Os expertos apuntan a que os sectores que presentan máis e maiores oportunidades directas para a aplicación da impresión 3D son os de saúde e biomedicina, automoción, industria metalomecánica e industria química.

Pon como exemplo a empresa catalá Avinent, con sede en Santpedor (Barcelona), que é referente mundial en impresión 3D de próteses dentais e odontoloxía dixital, e explica que hai preto de dez empresas en Catalunya que deseñan e/ou constrúen máquinas de fabricación aditiva, entre as que destaca pola súa dimensión HP, con centro en Sant Cugat del Vallès (Barcelona).

Espazos de aprendizaxe

O Concello de Barcelona conta coa Xarxa d ‘Ateneus de Fabricació, espazos públicos e abertos a todo o mundo nos que permite aprender e experimentar coas máquinas de fabricación dixital, “co obxectivo de que os cidadáns poidan involucrarse en proxectos con retorno social que teñan un impacto no seu ámbito e que promovan un cambio de modelo económico máis aberto, colaborativo e democrático”, sinalou Barcelona Activa.

Así mesmo, no Parque Tecnolóxico de Barcelona Activa abriuse hai un ano un Centro de Promoción Industrial que conta con espazos de fabricación, equipados con tecnoloxía de prototipaxe e impresións 3D, e unha zona de exposición da tecnoloxía desenvolvida en Barcelona.

Neste parque hai unha cincuentena de empresas instaladas, principalmente do sector informático, de telecomunicacións, electrónica, enerxías renovables e do ámbito industrial e aeroespacial, que en total empregan 530 persoas.

(Fonte: Europa Press)