Ignacio Lema, director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), fala de dúas demandas para o sector: unha de carácter conxuntural a causa do desabastecemento puntual de materias primas e outra demanda estrutural, que é a auténtica oportunidade de futuro.
—É un bo momento para investir no sector forestal?
—Si. Unha vez pasado este momento de desabastecemento conxuntural, hai unha demanda de futuro que propón non só investir en madeira ou facer inmobles ou mobles con madeira, senón investir no monte en coníferas. Nós, dende a Consellería de Economía, tentamos colocar a industria da madeira na cabeza das novas tendencias de mercado, principalmente europeo, porque son as de maior valor engadido.
—Unha delas é a construción
—Todo isto ten un marco xenérico, que é a bioeconomía circular, que se fundamenta en materias primas de orixe biolóxica que sexan xestionables de forma sustentable. A madeira certificada é o produto estrella da bioeconomía circular, porque retén, secuestra e mantén o dióxido de carbono. Tamén hai unha demanda do mercado polas súas condicións e, ademais, favorece a construcción pasiva, eficiente enerxeticamente. A industria xa está colocada na vangarda da tendencia de mercado. E para o novo ano temos unha orde de axudas de catro millóns de euros para fomentar a construción pública e privada e solicitamos dos fondos Next Generation 29 millóns para este impulso.
—A outra é a da fibra téxtil
—Hai un estudo da ONU que di que a forma de consumir téxtil non era sostible. O Fashion Pact de 2019 conduce cara a un modelo de fibras téxtiles sostibles, que teñan un impacto medioambiental baixo ou promovan a loita contra o cambio climático. O proxecto Next Generation que presenta Galicia sobre o téxtil mantén esas condicións: parte do material debe se reciclable, toda a madeira debe ser certificada, que se utilicen diferentes tipos de madeira, que o ciclo produtivo sexa medioambientalmente respectuoso e que esa materia sexa transformada en Galicia como materia téxtil. É un exemplo de economía circular. E estamos fomentando a creación dun laboratorio industrial no CIS-Madeira que axude en construción e fibras a caracterizar as especies locais e a revalorizar os residuos.
Fonte: La Voz de Galicia