Investigadores do CIBERCV e do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña acharon un microRNA (pequena molécula de RNA non codificante) asociado ao rexeitamento post-transplante e que pode ser de grande axuda no seguimento destes pacientes. O traballo, publicado na revista científica The Journal of Heart and Lung Transplantation e liderado por Marisa Crespo, desenvolveuse en dúas fases. Na primeira buscáronse, entre 179 microRNAs, aqueles diferencialmente expresados en mostras de soro de pacientes que sufrían un episodio de rexeitamento celular agudo fronte a soros de pacientes sen rexeitamento.
“Só un, o miR-181a-5p, cumpriu os requisitos para pasar á seguinte fase de validación. Na fase de validación, o miR-181a-5p mostrou estar significativamente sobreexpresado en mostras de soro de pacientes con rexeitamento celular agudo”, explicou o bioquímico, facultativo do Servizo de Análises Clínicas do CHUAC, investigador predoctoral da Universidade da Coruña e primeiro asinante do traballo, Ignacio Constanso-Conde.
Os microRNAs, pequenas moléculas, grandes posibilidades
Os microRNAs son pequenas moléculas de RNA encargadas de regular a expresión xénica. O seu estudo como posibles biomarcadores de numerosas patoloxías incrementouse exponencialmente nos últimos anos. A grande estabilidade dos microRNAs en todo tipo de mostras biolóxicas (sangue, soro, plasma ou saliva), xunto ao auxe e abaratamento das técnicas e reactivos de bioloxía molecular necesarios para a súa análise, convértenos en excelentes candidatos a biomarcadores.
“Os resultados deste estudo co miR-181a-5p son moi interesantes e esperanzadores, xa que poderían evitar un gran número de biopsias endomiocárdicas aos nosos pacientes”, comentou a xefa de grupo do CIBERCV no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, a doutora Crespo. E é que, miR-181a-5p conseguiu igualar a capacidade diagnóstica do único test non invasivo comercializado para o mesmo fin, e postúlase como un método de screening para descartar o rexeitamento celular agudo en pacientes con transplante cardíaco asintomáticos, evitando que se realice un bo número de biopsias endomiocárdicas de protocolo. “Neste sentido, é necesario, aínda validar estes achados noutros centros hospitalarios e con máis pacientes para confirmar a utilidade deste biomarcador e incorporalo ao uso clínico”, resolveron os investigadores.
Fonte: El Correo Gallego