Ideas europeas innovadoras para a madeira

Doce países europeos reuníronse co fin de atopar novos usos para a madeira e impulsar así unha transformación innovadora no sector silvícola do continente, o cal hoxe en día xera unha facturación anual superior aos 400.000 millóns de euros.

O proxecto WOODWISDOM-NET puxo en marcha unha busca activa de novas formas de aproveitar plenamente este material histórico mediante estudos conducentes a alterar e mellorar as súas propiedades. A raíz deste labor puidéronse propoñer distintas formas de mellorar a súa sustentabilidade e desenvolver rodutos innovadores, todas elas adaptables ante o cambio climático, contribúen a mitigar o seu impacto e protexen a biodiversidade.

O proxecto supuxo sen dúbida un grande éxito que aínda conta con moito futuro por diante. Dos cinco países iniciais que formaron a ERA-NET en 2004 pasouse a doce países na segunda fase do proxecto en 2009. O interese polo proxecto segue aumentando en Europa a unha velocidade asombrosa segundo se adhiren países adicionais como Austria, Suíza, Eslovaquia e Reino Unido e organizacións de Alemaña, Francia e Suecia.

As dúas primeiras ERA-NET de WOODWISDOM-NET estableceron unha comunidade a nivel europeo de gran solidez na que participaron varios países, sobre todo a través de ministerios e axencias de investigación, o que supón todo un logro por dereito propio. Esta unión deu pé á adhesión de expertos que permitiron que dende o proxecto se xerasen solucións mellores a maior velocidade e se aproveitase o financiamento dispoñible con maior efectividade e eficiencia.

Dende numerosos países remitíronse en total oitenta propostas de financiamento de ideas relacionadas coa madeira en resposta á convocatoria conxunta de WOODWISDOM-NET+, a terceira iteración do proxecto, as cales alcanzarán un custo total de ata 124,7 millóns de euros. A maior parte dos coordinadores procede de Finlandia (trinta e tres en total), pero tamén destacan Alemaña, Suecia, Eslovenia e Austria. Ademais recibíronse solicitudes de quince terceiros países como Estados Unidos e Nova Zelandia, o que demostra que o interese polo proxecto traspasou as fronteiras europeas.

O coordinador deste proxecto sen igual é o Dr. Ilmari Absetz, da Axencia finlandesa para o financiamento da innovación e a tecnoloxía (Tekes), titulado en enxeñería civil e con experiencia científica no comportamento da madeira e os produtos derivados en condicións de humidade. Nas súas propias palabras: “As propostas recibidas tratan sobre a xestión sustentable dos recursos forestais e a maioría sobre produtos con valor engadido. O prazo da convocatoria de propostas xa finalizou, polo que estamos a comprobar a subvencionabilidade das propostas previas e a súa idoneidade de cara a recibir fondos a nivel
nnacional. Esperamos que as propostas elixidas se poñan en marcha a principios do ano que vén”.

O Dr. Absetz engadiu: “O éxito do proxecto durante o último decenio débese ao traballo realizado con países e organizacións diferentes e á compatibilidade lograda entre
neles, un auténtico labor de racionalización. Na miña opinión, o logrado ata a data supón todo un fito, sobre todo se se ten en conta que a maioría dos membros do consorcio de ERA-NET son profesionais atarefados que traballan a tempo parcial no proxecto. Aínda así mantemos reunións
nasiduas con debates abertos e seminarios anuais nos que se presentan distintos proxectos para mostrar os progresos realizados, un labor que resultou de grande importancia”.

Por WOODWISDOM-NET pasaron distintos proxectos como; TES EnergyFaçade, dedicado á utilización de madeira para a mellora da eficiencia enerxética de edificios construídos entre a década dos cincuenta e os oitenta. Este é un proxecto que en opinión do consorcio de ERA-NET podería influír enormemente no futuro dos edificios a renovar nas décadas vindeiras.

Outros proxectos trataron sobre o refinado de derivados da madeira para a obtención de produtos médicos de gran valor, o deseño de novas nanoestruturas de celulosa para aplicacións de alta tecnoloxía como as superficies intelixentes e a fabricación de marcos de ventá máis duradeiros.

(Fonte: Cordis)