¿Idea blindada vale por dous? O valor da propiedade intelectual

As ideas, en si, non se poden protexer. Calquera idea é abstracta e só ten valor dende que se traduce en mecánicas, aplicacións, obxectos, cores ou mesmo olores. Eses elementos si son susceptibles de protección xurídica, mecanismos legais que permiten ao creador evitar a súa copia, reclamar a súa autoría e recibir os beneficios económicos que poida xerar.

É un universo legal e, como consecuencia, algo caótico e complicado para os non expertos na materia. Tamén é altamente sensible: unha decisión errónea pode comprometer o futuro empresarial. O caso do cubo de Rubik, o clásico crebacabezas tridimensional con máis de 40 anos de historia, é paradigmático. En novembro do 2016, o Tribunal de Xustiza europeo anulou a súa marca, abrindo a posibilidade a que outros fabricantes puidesen imitalo. Europa alegou que o produto ten funcionalidades técnicas, como a capacidade de rotación, que non son protexibles cunha marca, senón cunha patente. E xa é demasiado tarde para iso, porque cando unha idea se fai pública, deixa de ser novidade e deixa polo tanto de ser patentable. O seu fabricante perdeu o monopolio (polo menos en Europa) por un erro na súa protección xurídica.

Tamén hai casos de éxito como o da empresa española Fractus, que patentou no ano 1999 a primeira antena fractal do mundo. Trátase dunha tecnoloxía que incorporan a maior parte dos móbiles e tablets, dous dos gagdets tecnolóxicos máis consumidos do planeta. Esta peme gañou nos tribunais aos principais fabricantes de smartphones internacionais, aos que demandou por violar as súas patentes.

As empresas xa consolidadas adoitan dispoñer de departamentos específicos que asesoran na materia, aínda que iso non as exime de ter problemas. Pero é un terreo no que patinan máis os emprendedores novatos, especialmente cando manexan innovación tecnolóxica con potencial, o seu negocio é doadamente escalable e buscan de forma activa financiamento. É dicir, no ecosistema startup.

“Non son moitas as que toman o traballo de preguntar e asesorarse, a maior parte das veces por ignorancia; empezan a traballar e cando teñen problemas, chámanche”, asegura Ignacio Temiño, profesor de Dereito en Comillas-ICADE. Comparte esta opinión Carlota Navarrete, directora xeral da Coalición de Creadores e Industrias de Contidos Dixitais. “Non son conscientes do importante que é contar cun profesional especializado e hai moitos servizos nos colexios profesionais que son gratuítos”, afirma.

Sen recursos

A falta de diñeiro, un dos principais escollos das startups, é precisamente unha das causas que están detrás da desprotección. Cada euro conta. Destinar unha parte a un problema que non perciben como tal non está nos seus plans. A falta de formación ao respecto é outra das razóns. “Nas carreiras fálase pouco disto”, sostén Temiño. Noutros casos, aínda que teñan asesoramento ao seu alcance, a empresa ten outras prioridades.

“Para algunhas é máis importante chegar rápido ao mercado, esa é a forma de protexer as súas ideas -asegura Teté Vilar, coordinadora da aceleradora Viagalicia- porque moitas propostas son copiables pero quen chega primeiro ten vantaxe competitiva, faise o seu oco e capta os clientes”.

Algúns dos erros máis comúns son rexistrar unha marca que non está libre (o seu lexítimo dono reclamaraa e pode derivar en conflito legal) ou difundir o obxecto dun negocio sen que estea rexistrado (como no caso do cubo de Rubik xa nunca será patentable porque só con divulgar esa información, perde o carácter de innovación). Outro fallo habitual é facer rexistros legais da idea base pero non dos elementos que se van incorporando a medida que avanza o produto. Un potencial comprador da idea só tería que pagar pola versión básica e rexistrada, e non por todo o seu desenvolvemento posterior, que en moitas ocasións é o que achega valor engadido ao deseño final e, en consecuencia, as grandes oportunidades de comercialización e os ingresos conseguintes.

Partindo de cero, un emprendedor que queira expoñer a súa idea, aínda non desenvolvida, para recoller opinións ou testar as posibilidades de financiamento, xa pode aplicar escudos mediante acordos de confidencialidade, que obrigan ás partes a manter o segredo comercial.

Para Carlota Navarrete, ademais, é imprescindible darse de alta como empresa ou como autónomo, de forma que cando se rexistre, o produto quede vinculado a ese CIF ou NIF.

Varias vías

Cando a idea xa tomou forma, é inscribible por varias vías. A propiedade intelectual equivale aos dereitos de autor e, aínda que se relacione normalmente con obras artísticas ou literarias, engloba tamén aos programas informáticos, como videoxogos e todo o universo de aplicacións. Como parte positiva, só por ser o creador están recoñecidos os dereitos, aínda que non está demais rexistralo para aclarar a autoría, sobre todo se é colectiva. A parte negativa é que non protexe realmente a idea, senón a expresión desa idea, quedando fóra elementos que teñen valor comercial.

“O software non está todo o legalmente protexido que nos gustaría, polo que ter a solución asegurada non ten moita relevancia a nivel de caché”, lamenta Pablo Álvarez, enxeñeiro de SAVE, unha startup viguesa do sector do big data que creou unha solución de eficiencia enerxética para plantas térmicas. No seu caso, decidiron rexistrala, pero son moitas as pequenas compañías do universo tecnolóxico que optan por non o facer debido a esas restricións legais.

O camiño caótico

A segunda gran vía sería a de Propiedade Industrial, que engloba as patentes e marcas. As marcas protexen o nome, símbolos, sons e ata olores que identifiquen o produto. As patentes protexen inventos, solucións técnicas novidosas con aplicación industrial. Son complicadas de conseguir por requisitos, diñeiro e tempo. Esixe o pagamento de taxas por cada país no que se queira protexer. E, ademais do informe técnico, debe pasar unha validación que pode durar anos.

“Non é doado nin barato, pero si un factor diferenciador do produto, porque os clientes e colaboradores valoran que a túa idea sexa única”, explica María Cobas, CFO de Authusb, empresa nova, de apenas un ano, que dende o principio viu a necesidade de patentar a súa solución, un dispositivo que protexe as organizacións dos ataques informáticos a través de USBs.

Outras startups, de forma consciente e informada, decidiron non patentar. É o caso de Beta Implants, startup de Salvaterra que desenvolve implantes ortopédicos para mascotas. “Hai tres motivos: por recursos, porque estamos a innovar constantemente e por axilidade comercial”, afirma Bibiana Rodiño, directora xeral. “Se non podemos publicar nada do produto mentres se redacta e solicita a patente, perderiamos oportunidades comerciais, non sempre compensa”, conclúe. Cando e como protexer unha idea de negocio non é unha regra matemática senón un itinerario que se debe trazar ad hoc, o que fai o proceso aínda máis desafiante.

(Fonte: La Voz de Galicia)