“Ibérica de Esponjas Vegetales” é unha empresa agroforestal galega pioneira no cultivo de luffa para a fabricación de esponxas vexetais de uso cosmético e estropallos de cociña ecolóxicos. Con sede na localidade pontevedresa de Caldas de Reis, é a principal empresa europea dedicada ao cultivo e procesado desta especie vexetal. Froito de anos de investigación, conseguiron unha variante xenética propia e, como resultado, unha fibra vexetal de moi alta calidade. Na actualidade dispoñen da patente en China e Canadá e acaban de conseguir a da Unión Europea, pendentes ademais da concesión da patente nos Estados Unidos.
“A maioría de esponxas e estropallos están feitos con materiais sintéticos. Co uso, vanse desgastando e rompendo en anacos que pasan polo desaugadoiro e convértense en microplásticos que acaban no mar. Por iso pensamos en obter fibras vexetais para a substitución dos plásticos nestes produtos” -indica o director técnico da firma, Juan Carlos Mascato-. A luffa é un vexetal cuxo froito é moi similar á cabaciña e a súa pulpa interna vaise deshidratando e transformándose en fibra. Unha vez madurado, colléitase, pélase, quítanse as sementes e déixase secar. Así extráense as fibras, que logo se tratan con auga termal a 43 ºC.
Mascato sinala que empezaron con esponxas de baño e co tempo foron dando forma a máis produtos. “Decatámonos de que un dos produtos co que máis podemos axudar ao medio é o estropallo de cociña ecolóxico e compostable, un elemento de elevado consumo e necesario en cada fogar. Tras case dous anos de ensaio erro, atopamos a fórmula para o estropallo perfecto. O resultado era tan bo e prometedor que tiñamos que garantir a súa protección e o seu ADN galego, tiñamos que patentalo”.
O programa Agrobiotech, o impulso definitivo
Nese intre a empresa foi seleccionada para participar no programa Agrobiotech, promovido de maneira conxunta polo Parque Tecnolóxico de Galicia e a Xunta de Galicia, destinado a incrementar o nivel de excelencia das pemes innovadoras galegas dos sectores da agroalimentación, a biomasa e a biotecnoloxía. Así, este programa foi definitivo para impulsar o despegue da empresa, incrementando o seu potencial innovador e favorecendo o desenvolvemento de novos produtos, ao tempo que os axudou no proceso de obtención da patente europea, que comezou en 2019. “Sen este apoio non estariamos onde estamos hoxe porque os custos de todo o proceso son moi elevados e sería imposible facerlles fronte” -salienta o director técnico-. Grazas a estas patentes teñen o monopolio do estropallo ecolóxico compostable, de xeito que son os únicos que o poden fabricar na Unión Europea, Canadá e China.
O feito de contar cunha variante xenética propia permítelles obter distintas intensidades de fibra, chegando a conseguir unha fibra moi branda, específica para peles sensibles ou con algún tipo de enfermidade cutánea, producida de maneira totalmente artesanal. Por outro lado, acadaron unha planta moi produtiva, de gran tamaño, que o próximo ano poderán producir por primeira vez en serie.
En expansión por todo o mundo
A empresa está a ampliar as súas instalacións cunha nova nave de 1.200 m2 que agardan que poida estar en funcionamento a mediados do vindeiro ano para poder dar resposta aos seus clientes, que están repartidos polos cinco continentes, co que prevén incrementar entre 50 e 100 os postos de traballo. Ademais, están a ensaiar cultivos arredor do mundo, desde América do Sur a África central. “Despois de moitas probas coa nosa variante xenética, os resultados están a ser moi positivos na maioría dos casos, recalculando os protocolos de cultivo por esixencias climáticas en cada país” -aseguran-.
Na actualidade a empresa ten plantacións, ademais de en Galicia, en Portugal, Colombia e Exipto, e estudan establecerse tamén nos Estados Unidos en 2022. Trátase de explotacións 100% sostibles, nas que non empregan ningún tipo de produto químico ou que produza residuos tóxicos.
Fonte: Tecnópole