Losada, de 30 anos e que actualmente se encontra en Estremadura por motivos laborais, é enxeñeiro técnico de Informática de Xestión; Eiriz, de 36 anos, é enxeñeiro técnico de Telecomunicacións e Pesado, de 29 anos, é enxeñeiro técnico en Electrónica. Os tres traballaban nunha empresa dedicada á monitorización que, “por circunstancias da vida non saíu adiante”, explica Javier Pesado. A situación púxolles a luz ao final do camiño. “Decidimos embarcarnos neste proxecto porque viamos un problema que a día de hoxe, en España, non presenta moitas solucións”, engade.
A principal liña de negocio de iBeeAgro é o seu fundamento: un sistema de monitorización e xestión integral agrícola para optimizar a produción e asegurar a calidade e a eficiencia dos recursos que dispoñan as explotacións nun momento no que gran parte dela non ten acceso a información dos seus cultivos e as decisións tómanse de forma “correctiva”, elevando os custos de produción. O método de traballo consiste no despregue dunha rede de sensores sen fíos ao longo dunha explotación, dos cales “obtemos información de diferentes parámetros, ben sexan ambientais ou de solo, logo enviámolo a unha plataforma ‘cloud’ e procesámolos para predicir enfermidades, o rendemento das colleitas e saber o estado actual de cultivo”, explica o emprendedor. Coa recompilación desta información, a empresa facilita a xestión da explotación ao seu agricultor, “reducindo considerablemente os custos”, engade. Accesible mediante unha plataforma web, na que se pode entrar a través de calquera dispositivo con conexión a internet, iBeeAgro permite desde consultar o estado dos cultivos ata configurar alarmas, engadir un caderno de explotación e xerar e compartir en rede modelos preditivos. Todo para “facer realidade unha agricultura intelixente e de precisión”, puntualiza Pesado.
O empresario avanza que, “pese a non ser unha idea pioneira, nun futuro próximo ofreceremos servizos que a competencia non está dando”. Nesta liña, o equipo traballa nun sistema innovador para a xestión de rego, co que tamén está prevista a redución de custos. Respecto da plataforma de datos, Losada, Eiriz e Pesado tratan de mellorar as súas prestacións “cunha serie de ferramentas que as demais empresas aínda no contemplan”, di Javier Pesado.
Instalación piloto
iBeeAgro consolidouse como empresa en marzo deste ano, “aínda que non naceu dun día para outro, senón que xa levabamos desde bastante tempo atrás dándolle voltas á formulación”. Desde entón, o produto mínimo do hardware que recolecta a información é viable, así como a web. Ademais, o proxecto conta xa cunha instalación piloto nun viñedo da D.O. do Ribeiro.
O principal obstáculo que destaca Pesado á hora de arrancar a empresa -que ten a súa sede no recinto empresarial Tecnópole- é a información e o coñecemento para desenvolver as medidas preventivas e o financiamento do desenvolvemento tecnolóxico.
(Fonte: La Región)