O futuro de Huawei quedou oficialmente ligado á guerra comercial dende que Donald Trump e Xi Jinping estreitaron a man no cumio do G20 celebrado en xuño en Osaka, Xapón. Tras o último intercambio de sancións desta fin de semana, as dúas superpotencias parecen lonxe de entenderse e un acordo antes de que dea comezo a campaña electoral estadounidense parece improbable. Isto equivalería a pospoñer de facto unha hipotética solución ata, como pronto, 2021. Huawei non ten tanto tempo: moitas voces na empresa cren que o veto xa non terá volta atrás.
Nun comunicado interno compartido a semana pasada, Ren Zhengfei, fundador e máximo responsable, admitía que a empresa se atopa nun “momento de vida ou morte”. Nunha entrevista posterior coa axencia AP, non obstante, asegurou que non desexaba que o veto se levantase se iso supoñía que China se vise forzada a facer concesións na guerra comercial.
“Pode irnos ben sen depender de empresas norteamericanas”, sentenciou Ren, malia que dende alí importa unha maioría de produtos intermedios imprescindibles na súa cadea de produción. A compañía, de momento, capea o temporal: na primeira metade do ano as súas vendas aumentaron un 23%. Pero, para solucionar esta dependencia en previsión do que poida suceder, en Huawei optaron por xogalo todo á innovación. Estas últimas semanas anunciaron importantes pasos adiante.
Novos lanzamentos
O primeiro destes avances foi a presentación de Ascend 910, o procesador de intelixencia artificial (IA) máis potente do mundo. Eric Xu, vicepresidente da empresa, exhibía un sorriso satisfeito mentres sostiña en alto o pequeno cadrado metálico. “Prometemos un novo escenario de IA e hoxe cumprimos”.
Este novo chip conta con máis capacidade que calquera outro no mercado, para o que require dun menor consumo enerxético. O Ascend 910 tamén é capaz de adestrar modelos dixitais o dobre de rápido que procesadores similares. Ese mesmo día, ademais, presentouse MindSpore, un contorno de computación co que Huawei pretende impulsar a construción dun ecosistema de IA no que integrar as súas aplicacións.
Durante a presentación, Xu afirmou que a empresa entende a intelixencia artificial como unha ferramenta de aplicación universal, como a foron as liñas ferroviarias e a electricidade no século XIX e coches, ordenadores ou Internet no XX. Huawei apostará por levar esta tecnoloxía a todos os sectores da economía, empezando pola automoción, edge computing e aprendizaxe automatizada. “O día de hoxe marca unha nova etapa na estratexia de IA de Huawei”, proclamou Xu.
Este lanzamento súmase á presentación hai unhas semanas do seu novo sistema operativo, bautizado como Harmony. O seu nome orixinal en mandarín, Hongmeng -termo similar a “xénese” e homófono de “soño vermello”-, apunta a que a empresa se move nunha nova dirección. A inclusión de Huawei na lista negra de Washington, a Entity List, supuxo que as empresas do país tivesen prohibido venderlle os seus compoñentes. A derivada máis crítica desta decisión sería a imposibilidade de empregar o sistema operativo Android de Google nos novos terminais, o cal á súa vez dá acceso a un gran número de aplicacións de enorme popularidade fóra de China; un duro golpe para unha empresa cuxa primeira fonte de ingresos é a venda de teléfonos móbiles e un problema aínda por resolver.
Aínda que o goberno americano prorrogou a aplicación desta medida, abondou cunha ameaza para que Huawei se puxese mans á obra. Máis de 10.000 desenvolvedores traballaron en tres quendas as 24 horas do día para lanzar un sistema operativo propio. “Non aspiramos a empregalo, Harmony só é unha alternativa por se non nos permiten empregar Google ou Android”, explicou Richard Yu, director executivo da división de consumidores, durante a presentación.
Esta idea foi reafirmada por Vicent Pang, vicepresidente sénior, nun evento recente, no que confirmou que a empresa non empregará o novo sistema operativo en ningún dos seus smartphones. Tamén deixou entrever que un novo modelo punteiro, presumiblemente o Huawei Mate 30 pro, tamén funcionará con Android. Harmony fora creado orixinalmente como un sistema operativo para o internet das cousas (IdC), unha das liñas de desenvolvemento que se verán impulsadas grazas á implantación de redes 5 G, o gran proxecto de Huawei.
En varias das fábricas de Huawei hai unha parede dedicada aos méritos dos seus traballadores. Wujia sorrí na foto. O texto inferior explica que a máquina que inventou, a cal leva o seu nome, permitiu á empresa aforrar un segundo: un avance “de valor incalculable” nunha liña de produción da que saen 2400 terminais por día. Nun momento “de vida ou morte”, o futuro de Huawei depende da capacidade inventiva de case 200.000 empregados coma el.
(Fonte: El País)