Hispamoldes exporta o 70% da súa produción

A empresa Hispamoldes, situada en Tecnópole, supera os 30 millóns de euros de facturación anuais, cun peso moi relevante da exportación, que supón o 70% da venda dos seus produtos. É un dos datos achegados polo director da firma, Mario da Costa, no transcurso da visita que realizou á empresa o conselleiro de Industria, Francisco Conde.

Conde gabou “a aposta da empresa pola apertura de mercados e a diversificación de clientes” e pola “innovación”, que sinalou, son as claves “da competitividade no mercado actual”.

Segundo explicou Da Costa, “exportamos a diversos países, sendo México o noso principal comprador, seguido de Alemaña, Austria, Francia e Irán, país co que levamos traballando 10 anos”. En concreto, o país americano fíxonos pedidos o ano pasado por valor de máis de cinco millóns de euros e este ano, a golpe de marzo, xa superamos os tres millóns en pedidos”.

O presidente da firma engadiu que a empresa -dedicada á fabricación de moldes para pezas de automoción- “ten grandes proxectos en construción como as pezas para os novos modelos de Seat que sairán en 2017 ou o novo modelo de Audi que sairá en breve en México”. Trátase de pezas do interior dos vehículos como guanteiras ou cadros de instrumentos.

Pero tamén se elaboran na empresa moldes para vehículos de maior volume como “un de 65 toneladas que é a primeira vez en España que se fabrica e vai destinado a camións de fabricación alemá”.

A facturación de Hispamoldes o ano pasado situouse nos 31 millóns de euros “e esperamos alcanzar os 34 este ano, aínda que estamos aínda lonxe dos 38 do 2007,” recoñecía Da Costa, que tamén recordaba que “tivemos que reducir equipo de 350 traballadores aos 270 actuais.

(Fonte: La Región)