Os accidentes de tráfico seguen sendo un problema para os estados membros da Unión Europea. Cada ano miles de persoas perden a vida na estrada e por iso as autoridades están a buscar novas formas para mellorar a seguridade e previr accidentes. Segundo datos oficiais, un 8% dos accidentes está relacionado coa fatiga dos condutores. Ese 8% supón preto de 100.000 accidentes ao ano, que se traduce en 125.000 persoas afectadas.
Malia as campañas de prevención, aínda hai usuarios que non están concienciados sobre os riscos da fatiga durante a circulación e por iso estase a desenvolver un sistema efectivo contra este problema. O resultado é o proxecto Harken da Unión Europea no que colabora o Instituto de biomecánica de Valencia. Trátase dunha tecnoloxía intelixente que persegue adiantarse ao estado de fatiga para previr os accidentes.
Harken baséase nun asento e nun cinto de seguridade con sensores, capaces de monitorizar constantes como a frecuencia cardíaca ou o ritmo de respiración. Os datos procésanse a través dun sistema intelixente que é capaz de analizar os datos para predicir estados de fatiga nos condutores. Desta forma, antes de que os condutores acusen os síntomas da fatiga, o sistema sería capaz de informar sobre a necesidade de deter a circulación.
Harken podería evitar que os condutores apuren ata o último momento e sexan conscientes da necesidade de realizar paradas antes de que o corpo chegue ao seu límite. Ao anticipar a fatiga melloraríanse as facultades de reacción dos condutores e así poderíanse previr accidentes.
Este innovador sistema de seguridade xa entrou en fase de probas e os responsables da iniciativa confirmaron que os primeiros datos son prometedores. Harken podería así converterse nunha ferramenta de seguridade máis no futuro e sumaría esforzos na busca de estradas máis seguras.
(Fonte: Europa Press)