Greenalia planea construír 2 GW de enerxías renovables nos vindeiros cinco anos

Greenalia continúa co seu proceso de crecemento e prepara xa unha actualización do seu plan estratéxico para tratar de alcanzar os 2 GW de renovables construídos de aquí aos próximos cinco anos. A empresa conseguiu a admisión a trámite de todos os proxectos con acceso a rede, un total de 1.830 MW. Estas actuacións distribúense en 1.170 MW de eólica terrestre e 660 MW de fotovoltaica.

Este paso supón un importantísimo avance no cumprimento do plan estratéxico que se puxo no horizonte a empresa. Porque Greenalia prevía a construción de 1 GW até o ano 2023, unha cifra que xa se prepara para aumentar até os 2 GW co exercicio 2025 en mente.

Neste marco, ademais dos 1.830 MW, tamén destaca a obtención de admisión a trámite para outros 640 MW de eólica terrestre, proxectada en varias actuacións que, a data de entrada da moratoria, atopábanse en trámite para obter o acceso a rede. Ademais, e de maneira adicional, Greenalia conta con 289 MW de eólica terrestre, 250 MW de eólica mariña e 100 MW de biomasa, que esperan iniciar os correspondentes trámites de acceso unha vez se levante a moratoria.

Unha carteira moi diversificada

Greenalia conta cunha das carteiras de proxectos máis diversificadas do sector. E iso porque a firma ten en desenvolvemento plans en catro tecnoloxías (eólica terrestre, eólica mariña, fotovoltaica e biomasa). Actualmente, é a única empresa con presenza en eólica mariña flotante en España, tecnoloxía pola que apostou claramente a compañía galega e na que quere situarse como un dos principais referentes internacionais, impulsando así, a través deses desenvolvementos, as grandes capacidades da industria española no sector.

A empresa apostou por impulsar os seus proxectos naquelas zonas con mellor recurso, dependendo da tecnoloxía a desenvolver. Deste xeito, centra o seu potencial en eólica terrestre no noroeste da península ibérica, con máis de 3.600 horas de vento; os desenvolvementos de fotovoltaica no sur, con máis de 2.000 horas de radiación solar; a súa planta de biomasa en Galicia, a principal potencia forestal de España e unha das máis importantes de Europa e, a eólica mariña en Canarias, con máis de 5.250 horas de vento.

Menos peso da fotovoltaica

Na estratexia da firma galega teñen un peso moi significativo as tecnoloxías distintas á fotovoltaica (a principal promovida polas empresas do sector), con niveis de facturación e rendementos superiores. Así, a eólica terrestre xera unha rendibilidade dúas veces superior á fotovoltaica; e a biomasa e offshore até 5 veces.

Fonte: La Voz de Galicia