O sector tecnolóxico galego rexistrou 2.897 empresas no ano 2019 (114 máis que en 2018), cun volume de negocio de 2.872 millóns de euros, un 2,5 % máis que o ano anterior. Cun Valor Engadido Bruto (VEB) superior aos 1.500 millóns de euros, o sector TIC supón o 2,44 % do PIB total da comunidade. Son datos recollidos no estudo “A Sociedade da Información nas empresas TIC de Galicia. Edición 2020”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito a Amtega, en base aos últimos datos e a unha enquisa realizada entre setembro e novembro do exercicio pasado, recollendo indicadores novos como o teletraballo ou a adopción de tecnoloxías disruptivas.
Ao igual que noutros sectores o impacto da COVID-19 incrementou a adopción do teletraballo nas empresas tecnolóxicas galegas. O 63,4 % afirma contar con empregados que teletraballan, o que supón un incremento do 91,5 nun só ano. O 96 % dos empregados que teletraballan, fano dende o propio domicilio.
Outras tendencias recollidas por primeira vez son a implantación das Tecnoloxías disruptivas no sector TIC galego. O 27,1 % das empresas neste ámbito utilizan e/ou incorporan aos seus produtos e servizos o denominado IOT (Internet das cousas). En segundo lugar, nas Tecnoloxías disruptivas sitúase o Bussiness Inteligence, que xa é utilizado polo 26 % das empresas TIC e, en terceiro lugar, figura o uso da intelixencia artificial (19,5 %). Neste capítulo tamén cabe salientar que un 16,7 % das empresas TIC galegas emprega Chatbots, un 14,3 a realidade virtual e unha de cada dez TIC fai uso do blockchain (11,3 %) e dos xemelgos dixitais e simulación (10). Ademais, o 20,8 % das empresas TIC xa utilizan Big Data na toma de decisións.
Fonte: El Correo Gallego