As principais empresas ourensás pisaron o acelerador no 2021 e, aínda cos mercados en fase de recuperación, os balances do exercicio poden parecerse bastante aos anteriores á pandemia. Na maioría dos casos a conta de resultados xa é favorable, aínda que a automoción, tanto en fabricación como distribución, segue ao ralentí.
Coren redobra as súas apostas para mellorar a súa liña de produtos para seguir conquistando novos mercados, ampliando a súa presenza actual no medio centenar de países que xa achegan ao balance do grupo case un de cada cinco euros.
A construtora Copasa baixou en 2020 un 11% o seu volume de negocio con respecto ao ano anterior, sobre todo polo descenso de ingresos que proveñen da explotación do AVE A Meca-Medina, pechado até abril do 2021 por culpa da pandemia. Con todo, os seus ingresos en América disparáronse un 61%, sobre todo nos Estados Unidos, onde chegou en 2019 e onde ten catro obras en marcha. A obra en carteira da compañía a mediados do 2021 alcanzaba os 1.756 millóns e espera pechar o exercicio cun beneficio antes de impostos de 37 millóns.
A industria téxtil comeza a retomar actividade e a insignia máis importante, Sociedade Téxtil Lonia, recuperara xa na última fase de 2021 os números anteriores á crise. A caída de vendas en 2020 superara o 40%, entrando en perdas nese exercicio, pero as previsións da compañía son volver a números negros, aínda que a velocidade de recuperación no mercado español foi máis lenta que no resto de países onde teñen puntos de venda. Adolfo Domínguez recuperou o ritmo de vendas, medrando un 47% no terceiro trimestre do ano, enfilando unha traxectoria que ten como obxectivo seguir reducindo as perdas. Roberto Verino, pola súa parte, acaba de pór en marcha un plan estratéxico para seguir crecendo con novas aperturas e o propósito de volver superar os 34 millóns de euros de facturación e retomar a senda dos beneficios.
Outras empresas que tiveron un bo 2020 esperan seguir mellorando os seus indicadores en 2021. É o caso de Grupo Cuevas, que crecera un 13,1% para chegar ao seu exercicio máis expansivo da súa historia, con 125 millóns de euros, con crecementos significativos tamén no emprego, chegando a alcanzar os 700 traballadores, aínda que o persoal medio foi de 559.
O grupo Valtalia é outro dos exemplos de empresas cun ritmo de crecemento moi sólido. Con máis de 120 millóns de euros facturados, esta empresa que se especializou en economía verde e circular deu recentemente un paso de xigante ao conseguir un contrato de 238 millóns de euros para xestionar residuos en Sogama durante os vindeiros dez anos. As louseiras, sobre todo Cupa, tamén recuperan o ritmo de vendas e emprego, unha vez que se consolidou o mercado da exportación onde este produto segue a ser a punta de lanza das actividades exteriores da provincia.
A incerteza
Pese ao ton xeral positivo da maioría das empresas, segue habendo zonas de sombra, sobre todo no sector da automoción. A crise dos microchips obrigou a modificar constantemente o ritmo de produción das 15 empresas que se asentan na provincia, mantendo máis de 2000 empregos. Á súa vez, as empresas de distribución dos vehículos pecharon un ano 2021 cunha caída do 14,4% nas vendas, pechando un exercicio que mesmo foi peor ao de 2020. No sector esperan que o mercado se despexe, sobre todo en canto á incidencia dos vehículos con enerxías alternativas e o incremento dos custos dos combustibles fósiles.
Fonte: La Región