Grafeno: moito investimento, poucos resultados

O grafeno está considerado como o material do futuro: forte, versátil e espérase que moi barato, fixéronse investimentos millonarios en todo o mundo na súa investigación e desenvolvemento, pero por agora o seu uso é impracticable a grande escala.

André Geim é un brillante físico ruso que traballa na Universidade de Manchester. Moi coñecido polo seu gran sentido do humor e heterodoxia, en 2000 obtivo o “Premio Nobel Ig” ao experimento “máis bobo” do mundo: a levitación dunha ra mediante electro magnetos.

 En 2002 estudando o grafito e a posibilidade de separalo en micro láminas descubriu o grafeno e xunto ao seu colaborador Novoselov investigaron o novo material e as súas posibilidades, publicando os seus resultados en 2004. Grazas a isto, en 2010 ambos físicos foron galardoados co Premio Nobel de Física.

Que é o grafeno

O grafeno é o material máis delgado e duro que se coñece, xa que está composto dunha soa capa de átomos de carbono. O grafito (un dos estados alotrópicos do C) está constituído por láminas, a cada unha das cales, unha vez separadas, poderíanselle dar diversas formas: desde enrolalo, superpoñelo e moldealo, ata facerlle pregos e plisados.

Sorprendentemente tamén é moi duro, grazas aos enlaces entre os átomos de carbono e crese que sería posible usalo para conformar, soster, protexer e recubrir obxectos macro, micro e nanoscópicos.

Ademais é resistente ao ataque dunha gran cantidade de ácidos e álcalis fortes, tales como o ácido fluorhídrico e o amoníaco, así que un día podería ser usado para dar un recubrimento protector híper delgado que proporcionaría un illamento eficaz contra estes axentes.

Quizás a propiedade máis tentadora descrita no lanzamento do novo material ao mundo feito por Geim e Novoselov en 2004, foi a “mobilidade” coa que a información electrónica pode fluír a través da superficie do grafeno, o que fixo que os investigadores dos “súper condutores” depositasen nel, grandes esperanzas.

Desenvolvemento e investimento

O novo descubrimento enfrontouse a enormes desafíos no mercado. Os subprodutos ou aplicacións debían ser visiblemente máis baratos ou moito mellores que os produtos que xa están á venda e á vez é imprescindible que sexan aptos para a fabricación a escala comercial.

Se un material como o grafeno se presenta como un descubrimento fortuíto sen aplicacións específicas a única barreira que hai no seu uso son os límites da imaxinación. Todo o mundo se preguntou: agora que temos este marabilloso elemento ¿que facemos con el?

Por isto, desde que a comunidade científica soubo da existencia deste novo material, investíronse inxentes cantidades de diñeiro en lograr usos prácticos para o grafeno, en todos os ámbitos imaxinables.

De feito existen máis de dez mil patentes presentadas ao longo e ancho do planeta con posibles aplicacións para o chamado “material milagroso” e a Universidade de Mánchester estima que o investimento mundial na investigación do grafeno rolda os 2170 millóns de euros.

A nivel gobernamental, a Unión Europea creou un programa chamado “Graphene Flagship” (en 2013 e cun presuposto duns mil millóns de euros) que pretende que nun prazo non maior a 10 anos, os científicos dos países membros investiguen o grafeno e obteñan resultados que beneficien a sociedade europea. O Reino Unido conta ademais co seu propio “Instituto Nacional do Grafeno” que funciona desde 2015 e conta cun financiamento de algo máis de 86 millóns de euros.

Países como EEUU, China, Rusia e Canadá contan con fondos de investimento (moitas veces a perda) para ser os primeiros en dar co mellor uso do grafeno. De feito Galaxy Microsystem e AWIT (empresas chinas) uníronse para fabricar teléfonos móbiles (en moi pequena escala) con baterías, carcasas e pantallas que conteñen o dito material.

¿Para que podería usarse o grafeno?

Os nanotubos de carbono feitos de grafeno enrolado poderían ser a instalación de cables do futuro; tanto, que hai quen sostén que serían o suficientemente fortes como para crear un ascensor ao espazo. Como elemento de condución e súper condución, as súas propiedades son ideais.

Outro dos usos podería ser para soster obxectos micro e nanoscópicas co obxecto de estudalos nun microscopio electrónico (por exemplo: ADN, nanopartículas, etc.); os transistores baseados no grafeno poden funcionar a frecuencias máis altas e máis eficientemente que os transistores de silicio que se utilizan na actualidade.

En realidade só hai un par de produtos no mercado fabricados con grafeno, entre eles as raquetas de tenis que usan Djokovic e Sharapova, os xa citados móbiles chinos, unas lámpadas LED (fabricadas no Reino Unido) que se cre sairán ao mercado en decembro de 2015 e unhas placas que G2O, outra empresa británica prevé usar en breve para reducir ata nun cincuenta por cento, os custos da purificación da auga.

O produto descubriuse, o diñeiro para levar a cabo as investigacións xa está a disposición dos científicos, as ideas de para que usalo proliferan, polo que a revolución do grafeno “quenta motores” desde hai anos; o único que pasa con este marabillosos material é que os resultados tanxibles, competitivos e funcionais, aínda non son máis que unha utopía.

(Fonte: Axencias)