O centro tecnolóxico Gradiant foi seleccionado por segundo ano consecutivo para participar no CES das Vegas, unha das feiras tecnolóxicas máis importantes do mundo e a maior en electrónica de consumo que se celebrará dende o 8 ao 11 de xaneiro. Na edición de 2018, foi visitada por máis de 180.000 persoas.
Os investigadores vigueses mostrarán por primeira vez Valida, unha ferramenta totalmente automática de análise forense que detecta manipulacións en documentos multimedia -jpg ou pdf-. E farano en Eureka Park, un espazo específico no que as empresas máis prometedoras mostran as súas innovacións tecnolóxicas.
O principal obxectivo co que foi desenvolvida Valida é previr a fraude en procesos de verificación do usuario on line, onboarding dixital -formación do persoal dunha empresa- e para coñecer o cliente.
A tecnoloxía desenvolvida por Gradiant permite ás empresas ofrecer un nivel extra de seguridade nestas operacións, xa que analiza de xeito automático calquera tipo de documento de identidade, así como outro tipo de arquivos dixitais -nóminas, facturas ou recibos-, e detecta posibles ataques de suplantación de identidade e modificacións da información.
O ano pasado, o centro presentou no CES a súa tecnoloxía de forma biométrica. “Ser seleccionados por segundo ano consecutivo para participar nun evento desta importancia internacional confirma a valía das tecnoloxías de Gradiant, e pon de manifesto a preocupación real das empresas e da sociedade pola fraude documental”, destaca Daniel González, director da área de Información Multimodal, nunha nota enviada dende o centro.
Aseguradoras e bancos, que traballan diariamente con miles de documentos, serían os principais beneficiarios desta tecnoloxía.
“Tras moitos anos traballando no campo da seguridade multimedia, desenvolvemos unha ferramenta que permite verificar de xeito automático e en segundos se un documento está ou non manipulado. Trátase dunha innovación importante no mundo dixitalizado no que vivimos, onde as empresas realizan a diario miles de verificacións de usuarios e arquivos. Ademais, con Valida non é necesario dispoñer do documento orixinal para detectar as modificacións”, engade.
(Fonte: Faro de Vigo)