Gradiant e Energylab gañan o reto lanzado por Cofrico a través de Galicia Open Future

A proposta conxunta dos centros tecnolóxicos galegos Gradiant e Energylab resultou gañadora do reto formulado por Cofrico, dentro da edición Retos Industria 4.0 de Galicia Open Future, para mellorar o mantemento preditivo dos sistemas de eficiencia enerxética das instalacións de refrixeración e climatización que xestiona para o sector comercial, industrial e da restauración.

Concretamente, tratarán de dotar a Cofrico dunha solución que permita facer máis eficiente o proceso de estudo, descubrimento e actuación sobre a planta actual dos seus clientes, conectándose con sistemas dos que actualmente é moi complicado recompilar información.

Mantemento intelixente

No ano 2016, Cofrico puxo en marcha a súa plataforma COFRIVIEW 365, implantada nas instalacións do cliente das que é mantedor. Esta solución formúlase como un sistema de lectura de consumos, grazas á implantación de sensores nas plantas, con capacidades de visualización de resultados das instalacións. Dentro dos obxectivos de Industria 4.0, Cofrico ten en marcha diferentes liñas de actuación para facer de COFRIVIEW 365 un software de “Smart Maintenance” que permita ofrecer capacidades de mantemento preditivo e intelixencia artificial para evolucionar as súas funcionalidades.

A solución proposta conxuntamente por Gradiant e Energylab foi elixida por un comité técnico de avaliación, tendo en conta criterios como o problema que resolven, o seu grao de adecuación ao reto, a dedicación do equipo ou o tempo de posta en marcha das solucións.

O comité tamén seleccionou como finalistas para este reto ao Centro Tecnolóxico CETIM (A Coruña), a empresa Data Monitoring, especializada en solucións de enxeñería para o control e supervisión de instalacións en remoto, e o proxecto de emprendemento IDAT, centrado en Machine Learning e analítica de datos, ambos os dous de Lugo.

Dotación económica

Tras a súa designación como gañadores, Gradiant&Energylab desenvolverán nos próximos meses un piloto da súa solución con Cofrico, para o que recibirán unha axuda de 20.000 euros da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Ademais, tanto a solución gañadora como as tres finalistas do reto poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como recoñecemento ao seu esforzo innovador. Transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase a mellor das tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Á parte das achegas económicas directas, Gradiant&Energylab poderán acceder a un empréstito participativo, ata un máximo de 100.000 euros concedido por XesGalicia, dependente da Xunta de Galicia. No caso das finalistas, a un empréstito participativo de ata 50.000 euros, tamén concedido por XesGalicia.

Coa súa participación na edición Retos Industria 4.0 de Galicia Open Future, Cofrico súmase ao grupo de grandes empresas galegas -formado por Pescanova, Finsa, Coren e CITIC Censa- que ata o momento lanzaron retos dirixidos a emprendedores, startups, pemes e organismos de investigación de todo o mundo, a través de Galicia Open Future.

(Fonte: Telefónica)