Gradiant e a Fundación Barrié lanzan unha aplicación para traballar con documentos cifrados en Google Drive

Hoxe en día xestionamos moita información na chamada “nube”, o que nos permite o acceso dos nosos datos dende calquera lugar e dispositivo, así como a súa compartición con outras persoas de forma sinxela. Non obstante, a xestión da información na nube obríganos a confiar a seguridade da nosa información ao provedor dos servizos de cloud.

n
n

A aposta da Fundación Barrié a través do seu Fondo de investimento en Ciencia de apoiar o proxecto SCAPE (Securing the Cloud with Automated Privacy Enhancement), liderado por Gradiant, potenciou e deu continuidade a unha liña de investigación que pretende desenvolver solucións de cifrado e seguridade avanzada na nube. Entre os obxectivos do proxecto atópase asegurar a privacidade da nosa información, mesmo fronte a un posible acceso do provedor do servizo de almacenamento da información.

O primeiro resultado deste proxecto é SafeGDocs, un complemento para o navegador Firefox que se integra con Google Drive. Esta aplicación permite cifrar documentos de forma sinxela e compartilos con outros usuarios, logrando así que o seu contido só sexa accesible para o propio usuario e para aquelas persoas ás que este lles dea acceso. O complemento encóntrase dispoñible de forma gratuíta na páxina web de SafeGDocs.

Os autores deste software son os investigadores Lilian Adkinson, Daniel A. Rodríguez, Saúl Méndez, Alexander Tsybanev e Celia González, do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant).

A Fundación Barrié financia cinco proxectos de investigación, con millón e medio de euros do seu Fondo de investimento en Ciencia, creado en 2011 cos obxectivos de promover a investigación de excelencia, trasladar os resultados científico-tecnolóxicos xerados no sistema de investigación á sociedade, así como abrir a ciencia e a I+D púbica ao investimento privado, apoiando a xeración de oportunidades de investimento baseadas en desenvolvementos científico-tecnolóxicos. Os outros catro proxectos desenvólvense en colaboración coa UDC e a USC.

(Fonte: Innovaticias)