Se o proceso de transformación dixital está a revolucionar o mundo na súa totalidade, e o empresarial en particular, con cambios a unha velocidade de vertixe, neste ámbito a innovación é un dos elementos máis determinantes. E neste sentido, saber cales son as firmas que máis e mellor desenvolven e invisten neste campo resulta moi ilustrativo.
Dende Boston Consulting Group publicaron o informe “The Most Innovative Companies 2019: The Rise of IA, Platforms and Ecosystems“, co ranking das 50 empresas máis innovadoras, e hai sorpresas.
Aínda que alguén puidese pensar que sería inamovible, tampouco a Apple lle durou para sempre a primeira posición neste ranking. O xigante da mazá, que encabezara a clasificación en todas as edicións anteriores (dende 2004, elaboráronse 13), viu como lle deron dúas boas dentadas, ata caer ao terceiro lugar. O novo líder non é outro que Google (Alphabet), e séguelle o xigante do comercio electrónico Amazon. Por detrás de Apple, pechan o top ten Microsoft, Samsung, Netflix, IBM, Facebook, Tesla e Adidas.
En canto á distribución por países, o dominio de Estados Unidos é aplastante. Máis da metade das empresas son norteamericanas, triplicando en número a súa perseguidora (Alemaña). O resto, moi lonxe mesmo do país xermano, céntranse en Europa e Estados tradicionalmente relacionados coa innovación, como Xapón ou Corea do sur.
A intelixencia artificial, protagonista
Entre as moitas variables avaliadas no estudo, atopamos as plataformas tecnolóxicas, o Big Data, o desenvolvemento de novos produtos, o deseño dixital ou a velocidade de adopción das novas tecnoloxías, entre outras. Pero se hai un factor que destaca sobre o resto por importancia, sobre todo no curto e medio prazo, é a Intelixencia Artificial (IA).
O informe, elaborado con enquisas a 2500 altos directivos da área de innovación, desvela que o 90% afirma que a súa empresa está a investir en IA e un 30% cre que terá un peso moi importante no seu negocio nun período de tres a cinco anos.
En canto ao nivel de habilidades en IA, aparecen dúas grandes categorías moi ben diferenciadas: a primeira fórmana as compañías que cren ter un nivel ao respecto por enriba da media, mentres que a segunda non se ve nese grupo avantaxado.
No campo dos procesos de negocio, a IA tamén terá un papel moi importante, “pero o seu maior potencial reside na súa capacidade para desenvolver novos produtos e servizos que acheguen grandes fontes de ingresos ao longo do tempo”, afirma Michael Ringel, senior partner de BCG e coautor do informe.
A colaboración como eixe vertebrador
Como acontece noutros ámbitos da economía, tamén aquí os modelos de colaboración gañan cada vez máis peso. Como se pode extraer do informe, as firmas aumentan a súa busca no exterior de novas ideas. Proba diso é o crecemento das grandes corporacións en innovación que utilizan incubadoras (do 59 ao 75%), con aumentos moi parecidos nas colaboracións co mundo académico e empresarial.
(Fonte: El Periódico)