“Google comezou a súa andaina nun garaxe, de maneira que, para nós, apoiar o desenvolvemento das start-ups é parte do noso ADN”, di a empresa nun post no seu blog oficial no que anuncia estes plans.
A empresa californiana informou tamén que abrirá novos campus en Varsovia, Sao Paulo e Seúl. “Os emprendedores no Campus de Madrid beneficiaranse desta rede global que inclúe un plan intercambio chamado Campus exchange, que lles permitirá acceder a espazos de traballo en distintas partes do mundo dentro do programa Google para Emprendedores, explica a súa directora Mary Grove.
Nestes espazos ofrécese aos emprendedores “lugares onde aprender, conectar e desenvolver ideas. Tamén haberá mentores, charlas e talleres da man de profesionais da propia comunidade, empresarios experimentados e empregados de Google”, di a empresa.
Programas específicos
A compañía ten previsto desenvolver programas específicos para a sede en Madrid onde se incluirán Campus for Moms, CampusEDU e “múltiples actividades entre as que haberá tempo para que os emprendedores poidan conversar con mentores de Google”.
Google tamén di que decidiu abrir o Campus en Madrid porque cre que o espírito emprendedor español se está a consolidar cada vez con máis forza. “Observamos o crecemento do emprendemento da comunidade e esperamos poder axudar no seu robustecemento e no desenvolvemento da innovación do país e de Europa”, agrega a firma.
(Fonte: Agencias)