Tratando de arrancar a esencia antioxidante, antifúnxica, antibacteriana e rexenerante de todos eses produtos que os senegaleses venden nos seus mercados e utilizan nos seus hospitais, Enma Conde Piñeiro e José Manuel López Vilariño son dúas das caras do proxecto Cosmetinnova.
O seu obxectivo xeral é o deseño de ferramentas tecnolóxicas para facilitar o emprego de extractos naturais que permitan elaborar novos produtos cosméticos sen ingredientes químicos e sen verdades a medias. “Un estudo da OCU -explica Vilariño- di que máis do 90% das cousas que se din nos produtos cosméticos non son certas. A tendencia é evitar o químico e buscar produtos naturais e ecolóxicos, por iso pensamos que hai unha demanda clara para o noso traballo. Imos avalar cientificamente os efectos porque buscamos un produto de alta calidade. A idea é que saia algo relevante. Xa contactamos con empresas comercializadoras para que nos presenten no mercado internacional”.
No catálogo que verá a luz a principios do 2015, os dous empresarios de Glecex presentarán o resultado das súas investigacións: “A xente está máis afeita a ver este traballo no sector sanitario, pero tamén se fai, coma nós, para o cosmético ou o alimentario. Queremos sacar varios principios activos coas correspondentes probas de laboratorio. Apostamos por un laboratorio pequeno pero con moi bos equipos de investigación. É outro enfoque”.
Químico e enxeñeira están centrados nas mesturas de extractos con gran capacidade rexenerante e para iso manexan produtos naturais de lugares tan exóticos como Senegal, a India, Perú ou Xapón. “Agora pensamos na aplicación en cosmética e, no futuro, en farmacia. Queda moito campo, queda todo o campo, en realidade, a xulgar polo estudo da OCU”.
Con visión de futuro, os investigadores queren superar o concreto: “En cosmética, pola influencia das modas, todo varía a moita velocidade. Por iso, se te enfocas a desenvolver un produto, igual está fóra do mercado en seis meses. O que pretendemos é desenvolver un procedemento de traballo que sexa válido para distintos produtos”.
No campo da alimentación, Glecex experimenta xa o aproveitamento dun residuo da cervexa –por cuxa retirada as empresas teñen que pagar- e que pode substituír a un aditivo sintético. Ademais, buscan extractos naturais con actividade antimicrobiana e antifúnxica para substituír aditivos químicos.
Primeira marca do CITI
Unha das razóns polas que o CITI (Centro de Investigación, Transferencia e Innovación) do campus de Ourense se situou no Parque Tecnolóxico de Galicia foi propiciar a inmersión no mundo real, no mercado. Por iso un dos seus obxectivos, explica o seu director, Antón Vila, segue sendo abrirse ao mundo empresarial.
Glecex é a primeira firma que asenta a súa sede nun dos catro cilindros que identifican arquitectonicamente o CITI. “Barallamos esta e outras posibilidades máis tradicionais”, explica Vilariño, un dos socios da empresa. “Buscabamos un nivel intenso de investigación e no CITI tiñamos os medios e os grupos de investigación da Universidade ao lado. Nós, como coñecemos a Universidade, porque saímos dela, sabemos o que é capaz de dar e aproveitámolo. Posiblemente outra xente non é capaz de sacar todo o posible”.
Glecex alugou un laboratorio de Química e ten acceso á planta piloto cunha tarifa de uso prefixada. Economicamente compensa, explica Enma Conde, aínda que ten vantaxes e inconvenientes: “Nunha nave tradicional teriamos máis espazo pero teriamos que acondicionala. Aquí empezamos dende cero e xa temos algo cun investimento inicial o máis reducido posible. O problema pode ser o espazo pero… ¡ Oxalá nos quede pequeno!”.
Para a Universidade, explica Antón Vila, esta relación é interesante: “Ao final, os que montan estas empresas son investigadores e é un xeito de profesionalizar esa parte do traballo, pero en colaboración cos compañeiros. Espero que haxa máis casos así”. O CITI, detalla, dispón de nove laboratorios do ámbito científico e de informática, ademais dunha planta piloto.
(Fonte: La Voz de Galicia)