Gas&Go transforma o primeiro autobús que se move con gas renovable en España, un metropolitano da Coruña

Unha das liñas de transporte metropolitano da compañía Cal Pita da Coruña percorrerá en fase de probas os concellos da súa ruta impulsado por biometano, o gas que se xera na fermentación dos residuos orgánicos, unha vez depurado e refinado. O bus funcionará cun 60% de diésel e un 40% de biometano, en principio.

O responsable desta transformación e adaptación do motor do autobús é a empresa madrileña Gas&Go, especialista en transformación de vehículos a gas natural e gas natural renovable ou biometano, dentro dun proxecto conxunto de Naturgy (Gas Natural S.D.G. e Gas Natural Fenosa Engineering) e o Centro Tecnolóxico EnergyLab, coa colaboración de EDAR Bens S.A., empresa pública supramunicipal que presta o servizo de depuración de augas residuais nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros.

A transformación e adaptación do vehículo foi realizada no taller homologado para transformacións de INTURASA na Coruña, empresa que dá cobertura para este tipo de adaptacións en toda Galicia. Hai que prepararse para o futuro e colaborar na redución da contaminación”, destacou o xerente de Cal Pita, Arturo Míguez. O bus será doadamente identificable pola rotulación con debuxos que leva por toda a carrocería.

O proxecto conta co financiamento da Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 dentro do OT1 “Promover o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e unha investigación de calidade” e ao amparo da convocatoria “Axuda á creación, posta en marcha e consolidación da unidade mixta de investigación” cofinanciada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), organismo dependente da Xunta de Galicia.

GAS&GO é unha empresa de referencia no sector do Gas Natural Vehicular (GNV) para o seu uso como combustible alternativo que forma parte da carteira de empresas incubadas no Parque Científico da Universidade Carlos III de Madrid.

(Fonte: APTE)