A versatilidade dos drons posibilita que, tanto a Garda Civil como outros corpos policiais, caso da Policía Local de Poio, poidan empregalos en numerosos escenarios de intervención. Desde aqueles operativos enmarcados na procura e rescate de persoas até todo tipo de emerxencias, pasando pola xestión do tránsito de vehículos, accidentes de tráfico, control forestal e de fronteiras, incidentes ambientais… Son todos escenarios nos que os axentes poden botar man dunha aeronave non tripulada para acometer distintos labores.
Fontes da compañía Aerocámaras destacan que «a Garda Civil está a utilizar drons de maneira habitual en misións diversas», as cales abranguen desde a orde pública e a seguridade cidadá até cuestións de loxística. Esta empresa xa formou a máis de douscentos gardas civís, algúns deles destinados na Comandancia de Pontevedra e noutros postos da provincia, como pilotos de dron.
A este respecto, apuntan que «a escola de referencia no sector de formación de pilotos e servizos con drons leva quince anos liderando o mercado de formación no noso país impartindo o curso oficial de Piloto Profesional de Drons (STS)». O certo é que esta é a formación que están a obter os axentes a través da Axencia Galega de Seguridade Pública, «coa que tamén computarán polo menos 80 créditos baremables, segundo publicou o documento oficial da Garda Civil».
Desde Aerocamaras aluden a que estes créditos oficiais son de alto interese para os axentes, «xa que lles permite situarse dentro do corpo e sérvelles por exemplo para elixir destino ou ascender de rango». A este respecto, Jaime Pereira, CEO da empresa, remarcou que «a exactitude e precisión coa que traballan os corpos e forzas do Estado están a consolidar aos drons como unha ferramenta indispensable para os seus labores habituais. En moitos casos, substituíndo os traballos tradicionalmente realizados por helicópteros, xa que con drons axilizan os tempos de reacción e poden inspeccionar lugares aos que non poderían acceder con outra aeronave ou que suporían un risco persoal».
Por outro lado, e segundo remarcan desde a firma, unha vez conseguido o certificado oficial, «os novos pilotos poderán mellorar o seu perfil como expertos cunha formación especializada, por exemplo en situacións de emerxencias e seguridade». O obxectivo é que, xa non só os gardas ou policías, senón o persoal sanitario, reciban formación no manexo de drons que poidan, posteriormente, trasladar a «contextos de emerxencia e labores de rescate».
Fonte: La Voz de Galicia