Gañadores de Galiciencia 2022

O pimeiro premio da 17ª edición de Galiciencia, celebrada baixo o lema da “Economía Circular”, recaeu no proxecto “Pondal nature, cosmética natural” de Carla García Pedrosa e Noa Caride, do CPR Eduardo Pondal de Cangas. As rapazas investigaron e levaron a cabo distintas receitas de uso tradicional para facer produtos de coidado persoal, a base de ingredientes naturais asequibles e respectuosos co medio, en particular plantas comúns que eles mesmo cultivan. Así, elaboraron ata cinco produtos diferentes -xampú, crema de mans, crema facial, bombas de xabón e bálsamo labial- e agora están a tratar de mellorarlos e comezarán a crear outros novos empregando aloe vera e romero.

O segundo equipo clasificado foi o formado por María Lama e Pilar Jorge, do IES Rosalía de Castro de Santiago. “A solución que pensamos é deseñar unha boneca de reanimación cardiopulmonar, coa que se poida aprender sen axuda de ninguén, xa que inclúe luces que marcan o pulso, vídeos e imaxes” -explican-. Tanto a boneca como a súa roupa están feitos con materiais usados e con compoñentes electrónicos de baixo custo.

O terceiro premio foi para o proxecto “Nuestro súper bioplástico” de Sheila Piedras e Manuel Piedra, do CIFP Manuel Antonio de Vigo. Fixeron un bioplástico a base de agua, glicerina, maicena, vinagre, colorante e canela, que se degrada na natureza e que se pode destruír con auga. Ademais, manifestan que con este material pódense fabricar, de xeito caseiro, obxectos como forros para libros, carteiras, pousavasos, estoxos…

O proxecto máis innovador foi “Mindcar. A carreira do pensamento”, de Iria Fernández e Irene López, das Aulas Tecnópole. Trátase dun coche que se controla coa mente, empregando as ondas cerebrais que detecta unha diadema. “Se estamos atentos producimos ondas beta e, polo tanto, o coche avanzará más rápido; en cambio, se estamos nun estado de relaxación, emitindo ondas alfa, o coche irá máis lento” -explican-. Segundo as rapazas, a idea podería servir como base para crear un sistema de adestramento da mente, para axudar tanto á concentración como á relaxación fronte ao estrés.

O premio para o mellor proxecto liderado por unha nena e/ou relacionado con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero no contorno da I+D+i -en liña co afán de Tecnópole de promoción do STEM feminino- foi para o “Ensaio de biorremediación co fungo Pleurotus Ostreatus sobre mascarillas cirúrxicas”, de Marta Castro e Ariadna Gómez, do Colexio Marista Santa María de Ourense.

O proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido foi para un sinalizador intermitente, ideado por Álvaro Lameiro e Miguel Leiva, do Colexio Diocesano San Lorenzo de Lugo. Trátase dun accesorio intermitente que serve para indicar un cambio de dirección, sinalizar a presenza dun obstáculo ou indicar a intención de frear aos viandantes que nos preceden. Os rapaces deseñaron este dispositivo mediante  electrónica básica e construírono empregando elementos sinxelos de baixo custo. Salientan que “mellora a seguridade viaria dos usuarios de vehículos como bicicletas, patinetes e triciclos, pois actívase sen necesidade de sacar as mans do manillar, é barato, fiable e duradeiro, fácil de instalar e de operar; e tamén poden usalo esquiadores que transitan en fila ou guías de grupos que camiñan monte a través, mergulladores…”.

O premio para a mellor comunicación e presentación oral recaeu no proxecto de Francisco Docampo e Lucía Rodríguez, do IES María Casares de Oleiros. Propuxeron converter o seu instituto nun centro de residuos plásticos cero, para o que levaron a cabo iniciativas de concienciación entre a comunidade educativa do centro e desenvolveron actividades para promover a reciclaxe e a economía circular. Os resultados foron moi positivos, logrando reducir notablemente as cantidades de plástico recollidas nas primeiras semanas -pasando de 17 a 7 kilos-, e promovendo ademais a súa reutilización para elaborar diferentes materiais útiles para o instituto.

O mellor proxecto englobado dentro da temática da “Economía Circular” foi o   “Concentrador solar”, de Inés Fernández e Carlota Armesto, do IES Monelos da Coruña. Trátase dun concentrador solar con forma de paraboloide e fabricado con cartón reutilizado e materiais reciclables, destinado a mellorar a produción de enerxía eléctrica utilizando un sistema de concentración da enerxía.

Houbo ademais un premio especial para o proxecto coa mellor valoración popular, elixido entre todos os que participaron na modalidade online. O gañador foi unha proposta de Rede Internacional de Transportes Aéreos Médicos, impulsada por Paula Mendívil e María Calvó, do Colexio de Fomento Montespiño de Culleredo. A idea é ofrecer servizos de transporte de material médico a hospitais e bancos de sangue mediante drons.

A alumna gañadora do concurso de fotografía a través de Instagram foi Lucía Grela, de 2º da ESO do Colexio María Inmaculada de Silleda, coa imaxe titulada Vida artificial. E o docente gañador foi Marcos Ojea, do IES Pedra da Auga de Ponteareas, coa instantánea Economía circular galega.

Máis información: www.galiciencia.com

Fonte: Tecnópole