O Parque Tecnolóxico de Galicia promove desde o ano 2006 Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade e que busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos máis novos. Conta co apoio da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain).
Esta 15ª edición, que terá lugar o vindeiro mes de decembro, será online, debido ás restricións provocadas pola actual situación sanitaria. “Esta nova fórmula representa unha oportunidade para facer Galiciencia máis grande, inspiradora, creativa, participativa e aberta a proxectos de todo o ámbito nacional, chegando así a máis moz@s entusiastas da ciencia, a innovación e a tecnoloxía” -indica o director xerente de Tecnópole, Ricardo Capilla. Salienta que “Galiciencia supón un importante estímulo para a creatividade e o talento para innovar dos máis novos, permitíndolles achegarse á ciencia a través do xogo e a creación e contribuíndo a espertar neles as vocacións científicas”.
Este certame científico diríxese a estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Nesta edición, que se celebrará baixo o lema “A innovación do futuro”, amosarase cara a onde camiña a innovación, cales serán os recursos e procesos que se utilizarán para levar a cabo esa innovación, en que ámbitos da vida se desenvolverá máis e que melloras proporcionará á sociedade ou mesmo as desvantaxes que pode supor.
Os rapaces xa poden enviar os seus proxectos a www.galiciencia.online. Desde Tecnópole agardan “propostas imaxinativas, proxectos innovadores e novas ideas por parte do alumnado participante”; que, como en feiras anteriores, complementaranse con actividades, talleres, espectáculos de ciencia e desafíos, que versarán tamén sobre a innovación do futuro.
Equipos de Secundaria, Bacharelato e FP competirán polo premio final do certame e fóra de competición poden participar estudantes de Primaria e Educación Especial. Como principal novidade nesta edición, en consonancia coa temática deste ano e coa actividade de Tecnópole de promoción do STEM feminino, o premio especial da Galiciencia 2020 será para o mellor proxecto liderado por unha rapaza ou para o mellor traballo relacionado co fomento da igualdade de xénero na contorna da I+D+i.
Pasaporte a outras feiras
Os participantes na competición de proxectos da Galiciencia buscarán situarse entre os tres finalistas. O que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona.
O segundo equipo clasificado recibirá un apoio económico de 500 €, o que lles permitirá participar na Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Pola súa parte, o equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para participar no programa de actividades organizadas polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.