Galiciencia celebra su quinta edición con un récord absoluto de proyectos presentados

A maior feira científica de Galicia, ‘Galiciencia’, celebra a súa quinta edición cun récord absoluto de proxectos presentados, o que obrigou a realizar por primeira vez unha selección para deixar en medio cento os 85 proxectos de innovación e traballos científicos presentados por estudantes de Secundaria de toda Galicia e doutros puntos de España.
n
nA exposición, que terá lugar no recinto do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) no concello ourensán de San Cibrao das Viñas (Ourense) entre o 24 e o 26 de novembro, organízase co patrocinio da Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria. 
n
nEn total, serán expostos 17 proxectos procedentes de colexios da provincia de Ourense, 12 de Pontevedra, 9 da Coruña, 5 de Lugo, 5 de Cataluña e 2 do País Vasco. Entre eles figuran varios realizados polos equipos participantes nas Aulas de I+D, un proxecto piloto de adestramento en habilidades innovadoras promovido pola Tecnópole en colaboración coa empresa Intellectia Bank.
n
n¿Por que abusan os adolescentes das redes sociais?, ¿pode matar o estrés?, ¿inflúe a xenética na tendencia a cometer faltas de ortografía?, ¿podería a lingüística ter evitado o accidente do avión de Spanair no verán de 2009? Estas son algunhas das preguntas que os visitantes da ‘Galiciencia’ poderán responder atendendo ás explicacións dos investigadores precoces que estarán atendendo os seus propios stands.
n
nEntre as innovacións máis tecnolóxicas destacan un robot deseñado para aprender por el mesmo e outro que axuda nas tarefas domésticas, un sistema para obter electricidade a partir das augas termais e outro de climatización mediante ventás con cámara de auga, unha fórmula para fabricar crema de mans, etc. 
n
n Biodiversidade, láser, cerebro, xabón…
n

nAdemais da mostra de proxectos, os participantes -que terán cubertos todos os gastos de desprazamento e estancia- e os visitantes poderán acceder a unha ampla oferta de actividades paralelas. O divulgador científico Adolf Cortel volverá un ano máis á ‘Galiciencia’ cos seus espectaculares experimentos, este ano dedicados á conmemoración do cincuenta aniversario do láser. Mediante experimentos con potentes láseres de distintas cores, explicarase o porqué do seu uso en quirófanos ou shows de espectáculos e discotecas.
n
nPolo que se refire aos obradoiros, un deles estará relacionado coa celebración do Ano Internacional da Diversidade Biolóxica, con especial presenza do reino das plantas. Noutro deles tratarase de que os asistentes obteñan coñecemento sobre o funcionamento do cerebro humano a través de experiencias sensoriais. Por último, os máis pequenos gozarán da busca da fórmula ideal de xabón para facer as mellores pompas.
n
nAdemais, nos corredores do edificio que acollerá os talleres estarán expostas as obras de dúas coleccións de pintura dedicadas á ciencia e por primeira vez porase a disposición dos participantes unha área de lecer na que poderán ocupar os seus momentos libres co futbolín, os dardos e as videoconsolas.