Galiciencia bate a súa marca con 64 proxectos innovadores de equipos de toda Galicia

Unha cúpula para bicicletas, unha aplicación móbil para aparcar o coche ou un sistema para cultivar leitugas mediante luces LED son só uns poucos exemplos do que se poderá ver, oír e tocar en Galiciencia este ano. A maior feira científica de Galicia trae como novidades a ampliación do horario para acoller máis actividades e a participación de equipos formados por alumnos de Primaria, o que eleva o número de proxectos expostos a 64, o maior ata a data.

Galiciencia é un ano máis actividade de referencia da Semana da Ciencia en España por medio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), patrocinadora do evento xunto coa Consellería de Economía e Industria.

Durante os días 19, 20 e 21 de novembro a entidade organizadora, Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia, acollerá no seu recinto de Ourense unha carpa na que os equipos participantes -formados por estudantes de toda Galicia e catro grupos procedentes de Cataluña- mostrarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación. A previsión de visitas de grupos escolares de toda Galicia supera as 2000, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias. Este ano amplíase o horario da exposición de proxectos en dúas horas, de maneira que permanecerá aberta de 10 a 13 horas pola mañá e de 15 a 18 horas pola tarde.

Ademais de escolares e profesores de centros de Secundaria e de FP, aos que se sumarán varios equipos de alumnos das Aulas Tecnópole, a iniciativa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia, e un equipo que preparou o seu proxecto durante o campamento tecnolóxico de verán (T2W) organizado por Tecnópole o pasado mes de xullo. Os alumnos e alumnas de Primaria, que se suman este ano ao evento, exporán os seus proxectos nunha sección especial en dúas quendas, de maneira que dez equipos estarán o mércores e os outros dez o xoves.

Ademais, a Fundación Barrié ofrecerá unha charla para que os docentes coñezan a iniciativa ‘educaCiencia’ e levará a Tecnópole a exposición de fotografía ‘InvestigArte’.

Talleres para todas as idades

Galiciencia chega á súa novena edición cunha ampla oferta de actividades paralelas á exposición de proxectos que inclúe a conmemoración do Ano Internacional da Cristalografía e da Agricultura Familiar e do Ano da Biotecnoloxía en España a través de varios talleres orientados a diferentes idades. Neles os participantes experimentarán cos cristais e coñecerán cales son os procesos biotecnolóxicos tradicionais da agricultura familiar, unha actividade que conta con máis de 500 millóns de explotacións en todo o mundo.

Estes talleres complementaranse con actividades de planetario e robótica LEGO para os máis pequenos e un taller de tecnoloxías punteiras para os maiores, xunto cunha charla sobre a relación entre a ciencia e a música que poderá seguirse online dende calquera centro educativo de Galicia.

De novo, Galiciencia contará cun equipo de reporteiros audiovisuais formado por participantes na feira que gravarán todo o que aconteza na exposición de proxectos e nos talleres e espectáculos para editar o vídeo oficial do evento coas mellores imaxes.

Ademais, o certame volverá contar coa súa propia redacción de xornalistas, formada por estudantes previamente adestrados como reporteiros para cubrir o evento e elaborar entre todos a revista oficial, que será distribuída entre os asistentes á entrega de premios o último día.

Durante a clausura, ademais da entrega de premios aos mellores proxectos por categorías, darase a coñecer tamén o gañador do concurso de fotografía científica convocado no marco deste certame.

(Fonte: Tecnópole)