‘Galiciencia’ alcanza por primeira vez os cincuenta proxectos de innovación defendidos por estudantes de Secundaria

A maior feira científica de Galicia, ‘Galiciencia’, celebra a súa cuarta edición alcanzando por primeira vez o medio cento de proxectos de innovación e traballos científicos defendidos por estudantes de Secundaria de toda Galicia e doutros puntos de España.

A exposición, que terá lugar no recinto do Parque Tecnolóxico de Galicia no concello ourensán de San Cibrao das Viñas (Ourense) entre o 25 e o 27 de novembro, organizase co patrocinio da Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria. Nela combinarase a exposición de proxectos organizada con motivo da Semana da Ciencia con obradoiros e sesións didácticas.

A extracción de aceites esenciais de algas para fabricar cosméticos, o deseño dunha mochila ergonómica ou dun enxizador para tacos de billar e o desenvolvemento dunha ponte levadiza mediante electricidade son algúns dos traballos máis relacionados coa investigación aplicada e a innovación que presentarán os equipos procedentes de centros escolares nos seus stands. Ao carón destes serán expostos proxectos que analizan desde unha perspectiva científica fenómenos tan dispares coma a linguaxe utilizada nos SMS, a fin do Universo ou se a cor do cabelo determina a súa resistencia.

En total, trátase de 15 proxectos de escolares da provincia de Pontevedra, outros 15 de Ourense, 9 da Coruña, 4 de Lugo, 6 de Barcelona e 1 de Guipúzkoa.

Algúns dos proxectos ten a súa orixe no programa de dinamización do emprendemento xuvenil ‘TIC-TAC!: Talentos da Innovación e a Creatividade. Todos a competir!’, unha iniciativa na que Tecnópole colabora con Feuga con motivo do Ano Europeo da Innovación e a Creatividade.

Os proxectos expostos en Galiciencia serán sometidos á consideración dun xurado experto, que elixirá os mellores para recibir o seu premio durante o acto de peche da feira o venres 27. O proxecto gañador en 2008 consistía nun bioedificio, capaz de autoabastecerse a través das enerxías renovables. O segundo galardón recaeu nun sistema de obtención de enerxía eléctrica a partir do movemento dun ascensor.

Ano Darwin e da Astronomía

En paralelo á exposición desenvolveranse varias actividades, algunhas delas deseñadas no marco do Ano Internacional da Astronomía e o Ano Darwin.

En relación ao Ano da Astronomía, nas inmediacións da exposición de proxectos colocarase un planetario móbil no que se descubrirá aos máis pequenos, os estudantes de Primaria, os segredos que se esconden na nosa galaxia.

En conmemoración do Ano Darwin deseñouse un obradoiro sobre a evolución, co que se tratará de responder a varias preguntas: quen foi Charles Darwin, que descubriu e por que os seus postulados seguen influíndo de forma determinante na ciencia actual. As explicacións combinaranse con xogos e experimentos, o que permitirá unha aproximación diferente á figura deste científico.

Ademais, celebrarase un obradoiro baixo o título ‘O futuro é hoxe’, no que se achegarán aos visitantes os últimos avances da tecnoloxía que máis influirán na nosa vida cotiá nun futuro inmediato.

Por último, o divulgador Adolf Cortel impartirá un ciclo de sesións didácticas denominado ‘Cousas de todos os días como non as viches nunca’, nas que realizará experimentos de ciencia divertida ao redor de tres conceptos: a luz, o son e a carga eléctrica.