Galicia únese á carreira mundial na busca dunha vacina contra o Covid-19

Galicia non debe quedar atrás no traballo mundial na procura de vacinas ou fármacos contra o Covid-19. A Universidade de Santiago de Compostela (USC) daba a coñecer cinco proxectos de investigadores galegos que buscan sacar adiante un antídoto contra o SARS-CoV-2; ou ben xerar novos fármacos para facerlle fronte; axudar no desenvolvemento de tests de diagnóstico rápido e fiable; así como detectar e estudar mutacións do novo coronavirus.

O proxecto do investigador José Martínez Costas, do CiQUS, acaba de obter financiamento do Instituto de Salud Carlos III para desenvolver unha vacina contra a enfermidade do SARS-CoV-2. O seu equipo logrou financiamento para botar a andar esta iniciativa: 150.000 euros.

O equipo do vigués Martínez Costas, que traballa nunha vacina contra o Covid-19, patentou unha nova metodoloxía. O seu hándicap é que “permite obter resultados en marxes de tempo reducidas e a baixo custo”, sinala a USC. Esa metodoloxía é válida fronte a calquera patóxeno. O que consegue é que células de calquera orixe fabriquen microesferas e introduzan no interior antíxenos víricos. Estas partículas teñen capacidade para estimular o sistema inmune; por iso son ideais como vacinas contra o coronavirus.

“A investigación está no seu inicio porque acaba de recibir financiamento. De feito, estamos na casa e temos que pedir permiso para ir traballar. O bo é que a metodoloxía que empregamos probámola con outros dous virus e funcionou perfectamente”, detalla Martínez Costas. Eses dous virus foron o da lingua azul e o da peste equina africana. “Os animais están perfectamente; sen ningún tipo de efecto adverso”, recalca.

“En menos dun mes, se nos mandan os reactivos (xenes sintéticos de coronavirus que poden proceder dos Estados Unidos ou Canadá) podemos ter feita a formulación das esferas-partículas para probar a vacina”, explica o investigador. O paso á investigación con animais para observar como responden á vacina podería darse dentro dun mes ou mes e pico, engade este científico. “Pero para saber se están protexidos contra o virus dependerá dos permisos e o financiamento que obteñamos”, advirte.

“Estamos a traballar (catro persoas, incluído el) xa para obter permiso para ese tipo de ensaios e para conseguir máis cartos”, agrega. Nesta carreira, non está completamente só o grupo científico, xa que contou co apoio da empresa do Porriño Zendal.

Outro grupo galego en busca de vacina contra o Covid-19 é o de María José Alonso. Traballa co National Center for Biotechnology de Barcelona. O seu deseño baséase no ARNm, ácido ribonucleico mensaxeiro do virus. A favor, esta vacina tería que se desenvolve rapidamente, a súa administración é segura e fabricaríase con baixos custos.

Pola súa partea, o profesor Jesús Rodríguez Requena, tamén da USC, como os dous anteriores, está a colaborar co desenvolvemento de novos tests de diagnóstico en colaboración con outro grupo de Madrid. Necesitan que produzamos as proteínas que precisan.

O cuarto proxecto é do investigador José Castro Tubío, que se centra na identificación e evolución da infección por coronavirus, fixándose nas mutacións. A quinta iniciativa contra o coronavirus desde a USC é a das investigadoras Mabel Loza e María José Alonso no desenvolvemento e screening de novos fármacos. Atópanse á espera de financiamento.

Fonte: Faro de Vigo