Os muíños de vento moven as súas aspas até o momento nos mares de 12 países europeos, aínda que só dous deles, o Reino Unido e Alemaña, suman case o 80 % da potencia de eólica mariña instalada no continente. Na lista figura España, pero de forma testemuñal, cun parque experimental (non comercial) en Canarias.
Esta tecnoloxía de xeración está en pleno despegamento. Até agosto pasado había instalados 5.200 aeroxeradores en 113 parques. Sumaban 23 xigavatios de capacidade de xeración, fronte aos case 200 de eólica terrestre. Para o 2050, a Unión Europea acariña o obxectivo de alcanzar unha potencia de 450 xigavatios, é dicir, vinte veces máis. Por iso vai como un foguete. Menos en España. E iso que o desenvolvemento tecnolóxico das plataformas flotantes para soster os muíños -os ancorados ao fondo mariño que se están construíndo, sobre todo no mar do Norte, Báltico e o de Irlanda son inviables dada a profundidade da plataforma das costas patrias- xa case permite executar os primeiros parques móbiles (balancéanse, como un barco fondeado). Pero non se fan. Por que? Pola regulación española.
En opinión de Tomás Romagosa, director técnico da Asociación Empresarial Eólica (AEE), «o Goberno non lle deu prioridade á eólica mariña, preferiu impulsar antes o hidróxeno verde, que non ten detractores». Porque os muíños no mar téñenos.
Na actualidade está a deseñarse o mapa coas zonas de desenvolvemento destes parques e en costas como a galega os muíños van ter que convivir co transporte marítimo, a pesca e o marisqueo. Así que a polémica está máis que servida, sobre todo en Galicia, onde a oposición do sector pesqueiro pode ser un obstáculo para o desenvolvemento desa tecnoloxía, recoñece o presidente da Asociación Eólica de Galicia (EGA), Manuel Pazo.
«Hai zonas que se poderán compartir, por exemplo a acuicultura é compatible cun parque flotante, pero noutras haberá que definir que se prioriza», aclara Romagosa. Mentres ese traballo non se faga, e co máximo consenso posible dos sectores implicados, non haberá parques mariños en Galicia. Aínda que Manuel Pazo non ve ese horizonte tan afastado, en cinco ou seis anos.
A distancia da costa
Os parques eólicos mariños estarían situados a 24 millas da costa (45 quilómetros). «Non se verían desde a costa», subliña Manuel Pazo. Outro problema é o cableado a través do cal se evacuará a enerxía eléctrica que xeren os parques, e que os unirá con terra firme. A actividade marítima e pesqueira podería interferir no seu trazado. Ou ao revés.
O presidente de EGA recalca que «hai medios tecnolóxicos para identificar un cable submarino». Tomás Romagosa tamén destaca que «solucións técnicas hai, aínda que a pesca de arrastre é incompatible tanto cos cables como coas ancoraxes das plataformas», así que os plans de ordenación para o desenvolvemento da eólica mariña que se están a confeccionar terán a última palabra.
Fonte: La Voz de Galicia