Galicia reactiva os coworkings para impulsar o emprendemento

Dinamizar as economías locais apoiando a creación de emprego de calidade e aproveitando os recursos e fortalezas das distintas zonas da comunidade para crear novas oportunidades económicas, fixar poboación e fomentar novas alternativas para facer os pequenos concellos máis atractivos e competitivos son algúns dos obxectivos da rede de coworkings que a Xunta de Galicia puxo en marcha en 2016 e que reactivará no primeiro trimestre de 2022 coa posta en marcha de once espazos.

Este tipo de lugares de traballo, destinados a emprendedores e que contemplan no seu conxunto distintas actividades e asesoramento, están deseñados para aumentar as posibilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento, e teñen permitido ata o de agora impulsar máis de 700 proxectos e crear 384 empresas en Galicia. Os espazos de coworking, que desenvolve a administración autonómica a través do Igape, e en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), situánse repartidos por toda a xeografía galega e teñen como obxectivo que os emprendedores poidan poñer en marcha os seus proxectos empresariais.

Orixes

A rede de espazos coworking creouse no 2016 e no 2022 vaise celebrar en once sedes das catro provincias. Os primeiros coworkings en poñerse en marcha foron: Santiago de Compostela, especializado en industrias culturais e tecnoloxías; A Mariña, con sede en Mondoñedo; Ferrolterra, con sede en Ferrol; A Ribeira Sacra, con sede en Monforte; e A Costa da Morte, con sede en Cabana de Bergantiños. No seguinte ano incorporáronse o centro do Salnés, especializado en turismo e alimentación, e o de Ourense, con sede no polígono de San Cibrao das Viñas e que en 2022 celebrarase na Tecnópole. Completan a rede o centro da Ulloa, en Palas de Rei, vinculado ao Camiño de Santiago; o do Carballiño, con sede no Irixo; o de Valdeorras, con sede na Rúa; e o do Deza, con sede en Lalín.

Asesoramento

A finalidade da rede de coworkings é que os participantes teñan a oportunidade de dar forma aos seus proxectos participando en obradoiros, sesións formativas grupais, mentoring e eventos que potencien a relación entre distintos proxectos e emprendedores. Neste sentido, os coworkings, máis alá do propio espazo de traballo, ofrecen aos participantes un mentor individual para o seu proxecto, que os acompañará no deseño de modelo de negocio; formación específica, mediante talleres prácticos centrados en temas de interese; e distintos eventos, como xornadas de networking ou encontros con actores sociais e económicos relevantes.

Cada edición do coworking terá unha duración aproximada de entre 5 e 6 meses. Na parte final da formación organízase unha xornada de traballo na que os emprendedores teñen que presentar os seus proxectos ante o equipo docente e membros de empresas.

Esta iniciativa promovida pola Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación enmárcase dentro da rede de aceleradoras que apoia o Goberno galego e da que forman parten outros programas como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future, Connecting for Good Galicia ou as business factories vinculadas á industria da automoción (BFAuto), o sector agroalimentario (BFFood) e o aeroespacial (BFAero).

Fonte: Diario de Pontevedra