A comunidade galega é hoxe unha das dez que máis usa a tecnoloxía da intelixencia artificial a nivel empresarial. Segundo o Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (Osimga), que impulsa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dependente da Xunta, dez de cada cen empresas de dez ou máis traballadores con sede ou actividade en Galicia utilizaban intelixencia artificial en 2022, superando en 1,9 puntos porcentuais a media estatal.
No caso das microempresas, o uso desta tecnoloxía alcanza o 7,6%, 4,1 puntos porcentuais máis que a media estatal. Segundo este informe, a porcentaxe de empresas situadas en solo galego que se apoia no 5.0 é o 7,2%. O Goberno prevé que no ano 2025 esta porcentaxe se sitúe no 25% a nivel nacional.
Tal como recolle o informe, as solucións máis empregadas polas empresas en clave de IA galegas son as de automatización de fluxos de traballo ou a axuda na toma de decisións. Esta tecnoloxía revolucionaria tamén se atopa en solucións da análise da linguaxe escrita, á hora de converter a linguaxe falada nun formato lexible por unha máquina, ou ben na análise de datos.
Segundo Amtega, as empresas galegas utilizan a IA nos procesos de produción, en materia de seguridade das TIC e na mercadotecnia ou as vendas. En canto ás microempresas, aparece na organización de procesos de administración de empresas e en mercadotecnia e vendas.
Fonte: Diario de Pontevedra