O Instituto Tecnolóxico, xunto coa empresa SDLE e a Axencia Galega de Innovación, colaboran no desenvolvemento dunha unidade pioneira con autonomía inédita de voo de 9 horas, ampliable con bases de recarga.
Un equipo transversal formado por unha ducia de investigadores do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) desenvolve, en colaboración coa empresa madrileña SLDE (Star Defence Logistics & Engineering), un revolucionario dron (UAS) de uso civil -xa se dispón dun prototipo operativo- que se xestiona de forma intelixente, con autonomía de 9 horas -o triplo do máximo dos que hai na actualidade- e unha velocidade cruceiro de 100 km/hora.
Non obstante, no percorrido deste proxecto -iniciado en 2017 e que aínda ten outros dous anos máis de investigación, desenvolvemento e innovación para aumentar as capacidades do prototipo- trabállase agora na construción das bases (niños) para a súa recarga intelixente, que permitirán unha operatividade do aparato as 24 horas, os 7 días da semana.
A alianza entre a investigación do ITG e a construción da empresa SDLE constitúe a primeira Unidade Mixta de Investigación (UMI) de Galicia especializada en drons, que se enmarca na cuarta convocatoria do programa que a Xunta promove a través da súa Axencia Galega de Innovación (Gain).
Para impulsar as investigacións tecnolóxicas, as UMI perseguen impulsar colaboracións entre empresas e centros de coñecemento en áreas de innovación prioritarias para a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia. A iso neste caso únese a aposta da Administración Autonómica polo polo aeronáutico, que aspira a converter a nosa comunidade nun referente nacional nos drons civís.
De aí que a UMI denominado Fastfly (Full Autonomous Systems for UAS), xorde como resposta á demanda do mercado dos vehículos aéreos non tripulados, chamados drons, e que estes poidan operar cunha total seguridade e unha maior autonomía en escenarios civís máis complexos dos que están permitidos pola actual lexislación.
Acceso a zonas complicadas
O proxecto de investigación deste dron, denominado Zarek, custa uns 2 millóns (Gain achega o 30% deste presuposto), e previsiblemente incorporará outros cinco expertos aos traballos nos próximos meses. O último prototipo do aparato, a segunda versión deste, non chega aos 25 quilos de peso, e foi presentado en sociedade no pasado mes de outubro na sede do ITG, tras pasar correctamente as probas sobre a costa da Mariña lucense, en Cervo.
O dron pode levar unha carga de 5 quilos e é un formato de á fixa, como un pequeno avión, pero non necesita máis alá de 5 metros cadrados para o seu despegue ou aterraxe, xa que a versatilidade dos motores permite que faga esas funcións en vertical. A tecnoloxía na que traballa o ITG permite voos máis alá do alcance de vista do seu piloto en terra, e no desenvolvemento no que se traballa espera chegar a máis de 200 km de radio operativo.
En canto ao deseño das bases ou niños de recarga intelixente son puntos de aterraxe totalmente autónomos, nos que o operario humano ten unha mínima intervención, e están estratexicamente situados no terreo. O dron conta cunha información en tempo real dos seus múltiples parámetros de funcionamento, o que lle permitirá levar a cabo un mantemento predictivo, o que redunda na optimización dos seus custos operativos.
Esta aeronave non tripulada pode acceder a situacións de difícil acceso ou orografía, como é a de Galicia. É un aparato moi útil para operar en cuestións de emerxencias, mesmo nocturnas, como na vixilancia das costas e dos montes (na prevención dos incendios forestais, por exemplo) e en todo tipo de misións de seguridade, así como de transporte urxente de medicamentos a zonas illadas.
(Fonte: El Correo Gallego)