Galicia producirá os fármacos máis avanzados contra o cancro

Galicia non ten ningún hospital incluído no plan de terapias con CAR-T, o tratamento máis avanzado contra o cancro, pero polo menos contará cun centro de produción destes medicamentos que se porá en marcha este ano. Trátase dunha terapia celular innovadora e personalizada que revolucionará o xeito de tratar o cancro e suporá un punto de inflexión, xa que ten unha “alta eficacia” e ofrece esperanzas a pacientes “que xa esgotaron todas as vías de curación”, segundo explicou a Consellería de Sanidade.

O que fará Galicia, a través de Galaria e o Complexo Hospitalario de Santiago, é elaborar estes fármacos participando nas liñas de investigación doutros centros nacionais de referencia. Neste caso, a alianza é co Hospital Clinic de Barcelona, pioneiro nestas terapias en España.

Aínda que a Xunta pediu contar cun centro para aplicar este tratamento, o Goberno central non o autorizou. Así, desde finais de 2018, cando por primeira vez se puxo sobre a mesa a posibilidade de participar no plan de terapias con CAR-T, desde oito dos hospitais galegos e das catro provincias, formalizáronse até un total de 22 solicitudes de valoración para poder acceder a este tipo de terapias, das que polo menos foron aceptadas doce. Estes pacientes tiveron que ir a outras comunidades autónomas para recibir o tratamento.

En todo caso, o proxecto de producir estes medicamentos, para o que haberá 3 millóns de euros este ano, é un dos “eixos fundamentais” da Administración galega en materia sanitaria. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou que esta terapia conseguiu “a remisión total” do cancro entre un 50% e un 80% en pacientes cun prognóstico de supervivencia que non superaba os seis meses e para os que non existía alternativa.

Fonte: Faro de Vigo