Galicia presenta publicamente a súa Estratexia de Especialización Intelixente o martes 25 en Santiago

Tras un proceso de definición estratéxica que se iniciou a mediados de 2012 e no que participaron máis de douscentos axentes do Sistema Galego de Innovación, a Xunta de Galicia presenta o próximo martes 25 de marzo en Santiago a Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 para Galicia. A presentación é pública logo de inscrición.

Esta estratexia orientará as políticas de innovación de Galicia durante o período 2014-2020 e permitirá mobilizar máis de 1600 millóns de euros de investimento.

No acto, que terá lugar o martes 25 de marzo ás 10 horas no Auditorio de Novagalicia Banco en Santiago de Compostela, intervirán o comisario europeo de Política Rexional, Johannes Hahn, o ministro de Economía e Competitividade, Luis de Guindos, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. A asistencia está aberta a toda persoa interesada, logo de inscrición.

Identificar prioridades

A elaboración desta estratexia responde a unha esixencia da Comisión Europea cara ás rexións e os Estados membros que desexen optar a fondos estruturais neste período presupostario de identificar as áreas de especialización susceptibles de recibir financiamento comunitario para a realización de proxectos de I+D, innovación e TIC e, desta forma, racionalizar o uso dos recursos públicos e privados, conseguindo unha maior eficiencia e eficacia.

En Galicia, este proceso de definición estratéxica desenvolveuse seguindo os pasos marcados pola Comisión Europea e contou coa participación dunha ampla representación da cuádruplo hélice (administración-universidade e centros tecnolóxicos e de investigación-sector empresarial-sociedade).

Froito deste proceso definiuse unha visión compartida, identificáronse vantaxes competitivas, establecéronse retos e prioridades estratéxicas e definiuse un plan de acción para conseguir estes retos. En concreto, establecéronse tres retos fundamentais: a xestión innovadora dos recursos naturais e patrimoniais; a mellora da competitividade e a diversificación da industria; e o logro dunha posición de liderado en vida saudable e envellecemento activo.

(Fonte: Gain)