O Goberno autonómico constituíu unha comisión interdepartamental para xestionar as políticas de I+D+i, que terá como obxectivo prioritario “potenciar a planificación e coordinación dos obxectivos, actuacións, instrumentos e fondos” da comunidade nestas materias. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou, durante o acto da posta en marcha do grupo, o compromiso do seu Executivo cunha “economía baseada no coñecemento” e declarouse consciente de que é “probablemente a única saída que ten Europa para manter a súa posición no mundo e seguir a ser unha rexión competitiva”.
Toda a estrutura da comisión, asegura a Xunta, traballará para dar unha resposta “eficaz e eficiente” aos novos retos derivados da pandemia, “como xa se fixo da man do sistema galego de I+D+i” e como se seguirá a facer a través dos fondos europeos, como o caso dos Next Generation. Á vez, implantará un sistema permanente de seguimento e avaliación para identificar melloras nas políticas de innovación e desenvolvemento galegas que permitan seguir avanzando.
A comisión está presidida polo vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mentres que a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, será a vicepresidenta. Estarán representadas nela as direccións xerais de Planificación e Orzamentos; Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos; Comercio e Consumo; Calidade Ambiental, Sostenibilidade e Cambio Climático e Desenvolvemento Pesqueiro. Tamén figuran a Escola Galega de Administración Pública (EGAP); a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega); o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape); a Axencia Galega de Industria Forestal (Xera); a Secretaría Xeral de Universidades; a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS); a Secretaría Xeral de Igualdade e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), así como a área de xestión da Axencia Galega de Innovación (Gain).
Fonte: El Correo Gallego